Honor presenta un móbil bolso

venres, 1 de setembro do 2023 Marcus Fernández

Honor acudiu á feira IFA de Berlín e, pese a ser un fabricante que está a fracasar rotundamente en vendas no noso territorio, conseguiu chamar a atención do mundo ao presentar unha proposta de redeseño para os seus móbiles encartables, incorporándolles unha correa para convertelos nunha especie de bolso, e que deron en chamar Honor V Purse.
Estamos ante un xeito orixinal de reciclar o concepto de móbil con pantalla encartable exterior, que non estaba a ser moi ben recibido (polas dúbidas sobre a súa fraxilidade), e que nesta ocasión aprovéitase para que a tecnoloxía Always-On-Display permita engadir elementos de deseño que faciliten a personalización do móbil ao estilo de cada día, podendo elixirse entre distintos deseños de bolso para a pantalla exterior, así como tamén pode amosar deseños artísticos moi orixinais e cativadores.
Este novo móbil parece inspirado no Huawei Mate Xs 2, que actualmente ten un prezo de 1.199,90 euros, polo que o Honor V Purse non estaría deseñado para ser un smartphone ao alcance de calquera, aínda que polo momento non deixa de ser máis que un concepto, xa que o fabricante non confirmou que fose lanzalo comercialmente, aínda que a atención que captou podería facelo realidade.

Vídeo promocional do Honor V Purse

PUBLICIDADE