Honor presenta un smartphone encartable

luns, 10 de xaneiro do 2022 Marcus Fernández

O sector dos smartphones encartables por fin ten algo de competencia, e para plantar cara a Samsung chega o fabricante chinés Honor, que co seu Honor Magic V será o primeiro competidor real para os Galaxy Z Fold nos mercados occidentais, xa que ao segregarse de Huawei esta marca conseguiu librarse das restricións relativas á integración dos servizos de Google.
Aínda non sabemos cando chegará este novo smartphone encartable a España, pero polo momento xa coñecemos o seu prezo en China (9.999 iuans/1.384 euros), que é substancialmente inferior ao Galaxy Z Fold3, polo que podemos entender que este dispositivo podería contribuír á dinamización de prezos neste segmento de dispositivos.
O Honor Magic V aberto presenta unha pantalla OLED de 7,9 polgadas, mentres que pechado ten unha pantalla OLED de 6,45 polgadas cunha relación de aspecto de 21:9. Estas pantallas teñen unha cámara perforada cada unha (de 42 Mpíxeles), mentres que a cara do dispositivo que non conta con pantalla integra un módulo de cámara triplo, cunha cámara principal de 50 Mpíxeles (apoiada por unha cámara de espectro mellorado para engadir información ás imaxes) e unha cámara de ultra grande angular de 50 Mpíxeles, que contan cun sistema de enfoque mediante láser. Funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 8 Gen 1 e está equipado con 12 GB de RAM e 256/512 GB de almacenamento interno.
O teléfono conta cunha batería dobre de 4.750 mAh e carga rápida de 66 watts, sendo capaz de completar a súa carga ao 50% en só 15 minutos. Tamén inclúe lector de impresións dixitais lateral, NFC, dobre nano SIM, Bluetooth 5.2 e Wi-Fi 6. En definitiva, un móbil moi completo que terá que demostrar as súas virtudes unha vez que chegue ao mercado.

O Honor Magic V chegará ao mercado en cor prata, laranxa e negra

PUBLICIDADE