Horizon Forbidden West chegará en febreiro de 2022

xoves, 26 de agosto do 2021 Marcus Fernández

Hai preto dun mes chegaron rumores de que Horizon Forbidden West podería adiarse até 2022 por culpa do impacto que tivo a COVID-19 no seu desenvolvemento, e finalmente esta información confírmase, detallándose que a secuela de Horizon Zero Dawn verá a luz o 18 de febreiro de 2022.
Dende Guerrilla aseguran que o xogo xa está na súa fase final de desenvolvemento, e que prefiren adiar o seu lanzamento ao ano que vén para garantir a súa calidade en PlayStation 4 e PlayStation 5, abríndose as reservas para o xogo o vindeiro 2 de setembro.
Aproveitan a ocasión para dar conta de que Horizon Zero Dawn vén de recibir un parche de balde que permite que os usuarios de PlayStation 5 poidan gozar do xogo a 60 imaxes por segundo, o que supón unha considerable mellora de rendemento.

JPEG - 220.4 KB
Horizon Zero Dawn mellorou o seu rendemento en PS5 a través dunha actualización de balde

PUBLICIDADE