Hornetsecurity reforza a súa aposta pola ciberseguridade de empresas e administracións galegas

xoves, 16 de outubro do 2025 Redacción

A compañía de solucións de ciberseguridade Hornetsecurity presentou en Santiago de Compostela as súas últimas innovacións baseadas en intelixencia artificial no marco do Tour Tecnolóxico 2025 organizado pola asociación ASLAN. A cita coincidiu coa súa participación no Encontro Internacional de Seguridade da Información (ENISE), celebrado en León, reforzando así a súa presenza no ámbito empresarial e institucional español.
A firma, que busca achegar a súa estratexia de ciberseguridade ás empresas e administracións públicas de todo o país, destacou o papel da intelixencia artificial como aliada esencial para combater unhas ameazas cada vez máis sofisticadas. «A irrupción da IA aumentou o volume e a complexidade dos ataques, polo que é fundamental que saibamos aproveitar as vantaxes desta tecnoloxía para facerlles fronte e estar mellor protexidos», sinalou Carlos Vieira, director de Hornetsecurity para Iberia, Italia e América Latina.
Entre as súas solucións destaca AI Cyber Assistant, un asistente de seguridade que automatiza a detección e resposta fronte a ameazas mediante ferramentas como Email Security Analyst (que substitúe o análise manual tradicional) e Teams Protection, capaz de examinar as conversas e imaxes compartidas en Microsoft Teams en busca de logotipos, códigos QR ou textos sospeitosos empregados en ataques de phishing. Outro dos servizos presentados foi AI Recipient Validation, que emprega IA para detectar destinatarios incorrectos ou advertir sobre mensaxes que conteñen información confidencial.

Fernando Martínez participou esta mañá en Compostela na xornada organizada por ASLAN

Segundo explicou Fernando Martínez González, responsable de contas clave de Hornetsecurity, «estamos vendo un claro incremento do interese pola ciberseguridade en Galicia, especialmente pola oportunidade que ofrece a IA para a protección dos entornos empresariais». O directivo advertiu ademais dun aumento dos ataques baseados en phishing impulsado por intelixencia artificial e lembrou que, segundo o Ransomware Report 2025 elaborado pola compañía, o 77 % dos directores de seguridade perciben esta ameaza en crecemento.
Martínez subliñou tamén a importancia da formación e a concienciación como ferramentas clave ante este escenario: «Un 24 % das empresas xa foi vítima dun ataque de ransomware no que vai de 2025, fronte ao 18,6 % de 2024. Neste contexto, os empregados deben converterse na primeira devasa fronte ás ameazas, especialmente cando traballan desde dispositivos persoais ou redes pouco protexidas».
Con esta presenza en Galicia, Hornetsecurity busca consolidar a súa aposta por un ecosistema dixital máis seguro e resiliente, no que a intelixencia artificial se converta nunha aliada esencial para anticipar riscos e reducir o impacto dos ciberataques.