Huawei carece de autorización para instalar Android nos futuros Mate 30
mércores, 28 de agosto do 2019
Aínda
que o Goberno de EE.UU. ampliase
90 días a licenza temporal de Huawei para permitir ás empresas
norteamericanas continuar a traballar con eles, cómpre lembrar que esta licenza
estaba limitada a produtos existentes antes da orde executiva contra Huawei, ou
sexa, que dende Reuters apuntan ao feito de que a nova liña de móbiles Mate 30,
que ten prevista a súa presentación en Munich para o 18 de setembro, non podería contar
co sistema operativo Android.
- Imaxe filtrada dos futuros Mate 30
Aseguran que os futuros Mate 30 terían serios problemas para chegar ao mercado
europeo, xa que o bloqueo estadounidense prohibiría a Google ofrecer os seus
servizos a Huawei, o que supón un veto para Android, a tenda de aplicacións de
Google Play e incluso ferramentas como Google Maps, o que faría que os
teléfonos de Huawei perdesen todo o interese para os europeso (pese a que a
marca ía camiño de converterse na máis vendida no noso territorio).
Huawei non ten problemas para continuar a empregar Android nos seus móbiles
actuais, pero para os dispositivos móbiles novos precisaría dunha autorización especial,
que non semella que vaia conseguila. De feito, o Departamento de Comercio
recibiu máis de 130 solicitudes de licenza por parte de compañías de EE.UU.
para vender produtos a Huawei, e non está a atender ningunha petición.
Aínda que Huawei está a traballar nun sistema operativo alternativo ao Android
de Google, na presentación de HarmonyOS deixaron claro que aínda estaba lonxe
que puidese funcionar nun teléfono, de aí que as expectativas de poder operar no
mercado móbil sen Android están moi baixas.