Huawei abre en Madrid a súa meirande tenda do mundo

venres, 5 de xullo do 2019 Marcus Fernández

Cando as hostilidades no ámbito comercial entre EE.UU. e China suavízanse, Huawei volve ao rego, e estes días están a facer demostracións de forza e lanzar mensaxes de optimismo para que teñamos claro que segue a ser unha das compañías líderes no seu sector a nivel mundial.
No que se refire á tecnoloxía 5G a compañía asiática asegura que xa ten 50 contratos comerciais de 5G e despregou máis de 150.000 estacións base desta tecnoloxía de futuro, detallando tamén que Huawei forma parte do despregamento do 5G en España, Italia, Suíza, Países Baixos, Reino Unido, Finlandia e Mónaco, o que permite a estes territorios colocarse na vangarda desta nova xeración das telecomunicacións móbiles.

E no mundo dos teléfonos móbiles tampouco quedan atrás, e ao igual que comprometéronse a actualizar a Android Q os seus principais móbiles, veñen de abrir unha grande tenda en Madrid. O novo Espacio Huawei é un establecemento de máis de mil metros cadrados de zonas de demostración coa última tecnoloxía, showroom de produto, espazos interactivos... que hoxe abre as súas portas ao público na Gran Vía.

No acto para medios, o director de Huawei CBG para o noso territorio, Walter JI, asegurou que «queremos seguir a ofrecer a mellor tecnoloxía a cada usuario», e na mesma liña, o director de Huawei CBG España, Pablo Wang, salientou que «levamos 14 anos en España e grazas a vós imos continuar neste mercado si ou si», no que semella unha estratexia da compañía en insistir en que os problemas que teñen en EE.UU. non afectarán ao resto do mundo, e queren recuperar a confianza perdida tras a súa recente crise de reputación provocada por unha arbitraria decisión política.
O novo Espacio Huawei sería a meirande tenda de Huawei a nivel mundial e o fabricante non quere quedar aí, e xa prevé abrir outra tenda en Barcelona este mesmo ano.

O Espazo Huawei é un bo lugar para coñecer a fondo os produtos do fabricante chinés.

PUBLICIDADE