Huawei amosa o seu novo smartphone de alta gama cun grosor de só 6,18 milímetros

martes, 18 de xuño do 2013 Marcus Fernández

Os fabricantes chineses queren xogar un maior papel no sector da telefonía móbil, e xa non se limitan a ofrecer terminais económicos de baixa gama, senón que tamén apuntan á alta gama, poñéndollo cada vez máis difícil a outros fabricantes consolidados como Samsung, HTC, LG ou Sony, como vén de demostrar Huawei co novo smartphone que presentou hoxe en Londres, o Huawei Ascend P6, que con só 6,18 milímetros de grosor presume de ser o smartphone con Android máis delgado do mundo, característica coa que non se conforma, polo que vén equipado tamén cun procesador de catro núcleos a 1,5 GHz, carcasa de aluminio, pantalla de alta definición de 4,7 polgadas (con Magic Touch que permite que poidamos empregala coas luvas postas), batería de 2.000 mAh e sistema operativo Android 4.2.2.
Este novo móbil de só 120 gramos de peso quere ser o buque insignia da familia Ascend P, chegando cunha cámara traseira de 8 Mpíxeles con gravación de vídeo Full HD e cámara frontal de 5 Mpíxeles (ideal para autofotografías e videoconferencias). Porase á venda en China este mesmo mes, mentres que en Europa deberemos agardar ao mes que vén para velo á venda a través de compañías como Vodafone, Telefónica, Amazon, Media Markt e The Phone House.


Vídeo de presentación do novo Huawei Ascend P6

PUBLICIDADE