Huawei podería vender a marca Honor para conseguir liquidez

martes, 10 de novembro do 2020 Marcus Fernández

O fabricante chinés Huawei, pese a manter unha posición líder en mercados como o chinés, está a pasar apuros de distinta índole, e dende a axencia Reuters aseguran que para conseguir liquidez estarían a ultimar a venda da súa filial Honor por 100.000 millóns de iuans (12.824 millóns de euros) a un consorcio formado polo distribuidor Digital China e o goberno de Shenzhen.
A operación incluiría todos os activos de Honor (marca, I+D e dirección da cadea de subministros) e realizaríase en efectivo, xa que a principal intención por parte de Huawei é conseguir liquidez para facilitar a superación da súa complicada situación actual, na que continúa a ser o segundo fabricante de móbiles a nivel mundial, pero ten unha serie de sancións impostas polos EE.UU. que está a complicarse seriamente a fabricación de futuros dispositivos o vetar a moitas compañías ter relacións comerciais coa compañía chinesa.
Comentan que Honor mantería a meirande parte do seu equipo directivo e os máis de 7.000 empregados, quedando por ver como sería a comercialización internacional destes produtos, xa que actualmente comparten canles de distribución con Huawei.

PUBLICIDADE