Huawei presenta HarmonyOS

venres, 9 de agosto do 2019 Marcus Fernández

Os problemas de Huawei cos EE.UU. fixeron que se puxera o foco na posibilidade de que os fabricantes chineses puidesen ter problemas para integrar Android nos seus dispositivos, e ante tal situación dende Huawei aseguraban estar a traballar nunha alternativa, que por fin desvelan no marco da Huawei Developers Conference. Trátase de HarmonyOS, un sistema operativo que está previsto que poida utilizarse en dispositivos moi diversos, como smartphones, altofalantes, conectados, smartwatches ou sistemas integrados en automóbiles, que publicarase como unha plataforma de código aberto.
Esta nova plataforma aínda está nun estado pouco maduro, e confían en que antes de rematar o ano poidan introducila en produtos con pantallas conectadas (como a Honor Smart Screen) así como en televisores, aínda que inicialmente limitaranse ao mercado chinés e aínda faltaría moito para que sexa posible dicir que estamos ante unha alternativa a Android. De feito, dende Huawei aseguran que HarmonyOS é «completamente diferente de Android e iOS», xa que estaría pensado para escalar a través de diferentes tipos de dispositivo, para que os desenvolvedores poidan levar as súas aplicacións a todo un rango de dispositivos.
HarmonyOS estaría baseado nun kernel de Linux e levaría en desenvolvemento dende 2017, pero polo momento son máis as dúbidas que as certezas ao redor desde novo sistema operativo que podería rematar sendo case anecdótico como acontece con Samsung co seu Tizen (que pese a ser un sistema que realmente podería competir con Android, limita o seu uso a reloxos).

PUBLICIDADE