Huawei presenta o seu primeiro móbil con Windows Phone 8

martes, 8 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

A familia de móbiles con Windows Phone 8 estaba composta de saída por un par de móbiles de Nokia, un móbil de Samsung e outros 2 de HTC, e mentres outros fabricantes presentan novos terminais de gama baixa con Windows Phone 7.x, Huawei non quere quedar atrás e aproveita o CES de Las Vegas para anunciar o seu Ascend W1, smartphone con pantalla de 4 polgadas cunha resolución de 800 x 480 píxeles que funcionará con Windows Phone 8.
Este novo móbil situaríase na gama media-baixa, cun procesador de dobre núcleo a 1,2 GHz, 4 Gb de almacenamento interno ampliables mediante tarxetas microSD de ata 32 Gb, cámaras de 5 e 0,3 Mpíxeles e batería de 1.950 mAh (máis do habitual nun smartphone destas dimensións). Porase á venda este mesmo mes (inicialmente en Rusia e Asia) e varias cores (azul, vermello, negro e branco) e pretende converterse nunha excelente opción para quen queira adquirir o seu primeiro smartphone ou para quen queira mudar un vello smartphone sen realizar un alto investimento económico e conseguindo igualmente un terminal cun bo desenvolvemento e un agarre agradable (os seus 10 milímetros de grosor resultan bastante equilibrados).

O Huawei Ascend W1 venderase en azul, vermello, negro e branco


Vídeo promocional do Huawei Ascend W1

PUBLICIDADE