Huawei quere vender en España os seus móbiles de alta gama a prezos surrealistas

xoves, 27 de xaneiro do 2022 Marcus Fernández

Dende que a marca Huawei está sometida a sancións por parte dos EE.UU. poderiamos considerar que carece de sentido en Europa, xa que os seus dispositivos chegan sen os servizos de Google (o que supón non poder gozar da principal tenda de apps para Android) e sen as aplicacións de Meta (Facebook, Messenger, Instagram e WhatsApp), polo que funcionan máis como teléfonos que como smartphones, de aí que sorprenda que veñan de lanzar oficialmente en España os seus últimos móbiles de alta gama, que dificilmente adquirirá un consumidor informado.
É difícil imaxinar a alguén mercando un Huawei P50 Pro por 1.199 euros, por mor das limitacións do seu software, especialmente porque este terminal chega cunhas prestacións que poderiamos considerar como de 2021, co 5G desactivado e co único reclamo na calidade das súas cámaras traseiras (cun sensor principal de 50 Mpíxeles en cor apoiado por un sensor mono de 40 Mpíxeles).
O outro móbil que sorprende que trouxesen a España é o Huawei P50 Pocket, o encartable de Huawei que aposta polo deseño e quere competir co Samsung Galaxy Flip3 5G, pero o grande problema deste dispositivo sen 5G é que pretenden vendelo a 1.599 euros, mentres que o modelo de Samsung ten un prezo oficial de 999 euros e pode atoparse facilmente por menos de 800 euros (incluso a través de operadora), confirmando unha vez máis que en smartphones Huawei é unha marca totalmente fóra do mercado.

PUBLICIDADE