IES Aquis Celenis de Caldas de Reis gaña a fase galega do CanSat da Axencia Espacial Europea

martes, 21 de abril do 2026 S. P.

O Instituto Aquis Celenis, de Caldas de Reis, proclamouse gañador, este luns 20 de abril, da fase autonómica do certame CanSat organizado pola Axencia Espacial Europea e dirixido a estudantes de 14 a 19 anos. Será o representante de Galicia na fase nacional do concurso que se celebrará en maio. Na xornada, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP organiza o lanzamento dos satélites elaborados polo alumnado dos centros educativos da nosa Comunidade.
Nesta final, celebrada no aeródromo As Gaivotas, en Cerceda, e á que asistiu o secretario xeral técnico da Consellería, Manuel Vila, tomaron parte un total de 12 equipos de competición.
O xurado comprobou os pesos, medidas, baterías e frecuencias dos aparellos e seleccionou os seis mellores proxectos, que foron lanzados no foguete. Logo, o alumnado dos seis equipos finais defenderon os seus proxectos diante do xurado que, analizadas a súas intervencións, os satélites deseñados e as medicións que se realizaron con eles, outorgou os seguintes galardóns:

Premio

Concello

Centro

Proxecto

Mellor proxecto CanSat

Caldas de Reis 

IES Aquis Celenis

Aquisat V 2

Mellor logro técnico

San Sadurniño

CPI de San Sadurniño

Nouscan 12

Misión científica máis destacada

Ourense

IES Universidade Laboral

Barreiros

Equipo máis profesional

Vigo

CPR Montecastelo

MontecasteloSAT6

Premio honorífico

Ortigueira

IES de Ortigueira

Chatarrin

A Coruña

CPR Salesiano

SalesCansat

Mellor proxecto CanSat

Sada

CEIP O Mosteirón

Os mosteiriños creativos

Mellor póster

A Rúa

CEIP Manuel Respino

GalSat

Premio honorífico

Santiago de Compostela

CPR Vilas Alborada

MicroAlborada

En canto aos 16 equipos que participaban só en modo demostración, ao longo da xornada tiveron a oportunidade de participar en retos cognitivos así como nunha simulación de adestramento para astronautas.
Como novidade, este ano contouse cun foguete que elevou os satélites dos equipos finalistas ata unha altura de case que 1 km. Ademais, en lugar de contar con drons de pequeno formato, capaces de lanzar un máximo de catro Cansats á vez, utilizouse un dron de gran formato para o resto de participantes.
Proxecto espacial
Un CanSat é unha simulación dun satélite integrada dentro do volume e peso dunha lata de refrescos. De feito, o termo procede das palabras en inglés can (lata) e sat (satélite). O desafío para o alumnado consiste en introducir nun espazo reducido os principais elementos dun satélite real, como a alimentación eléctrica, os sensores e o sistema de comunicacións. A continuación, lánzase o CanSat ou déixase caer desde unha plataforma mediante un dron, un globo cativo, un foguete ou calquera outro método. O experimento científico consiste en lograr unha aterraxe sen danos e a análise dos datos durante o descenso.
Durante os meses de preparación, os estudantes, co apoio dos seus profesores, desenvolven as súas iniciativas seguindo os procedementos dun proxecto espacial. Para iso, seleccionan os obxectivos da misión, definen os requisitos técnicos necesarios para logralos, deseñan o hardware e o software e o sistema de telecomunicacións desde terra. Antes de chegar á xornada de competición realizan varias probas e preparan a presentación do proxecto e a documentación.
O obxectivo de CanSat é “favorecer a aprendizaxe práctica do alumnado e o seu traballo en equipo, ao tempo que se familiariza coa metodoloxía de investigación científica e adquire competencias en tecnoloxía, matemáticas, física e programación, pero tamén en arte e creatividade”, informou a Consellería.