IGAPE, AJE Ourense e Tecnópole impulsan un polígono industrial virtual
luns, 10 de xaneiro do 2022
A
nosa terra contará cun polígono virtual que permita ás pemes e ás
persoas autónomas contar cos servizos que lles facilitaría a sede
física dun complexo industrial (xestión directa e inmediata con
clientes e provedores, servizos en liña de asesoramento profesional)
pero coas vantaxes que poñen en xogo as contornas dixitais. A posta
en marcha desta iniciativa foi
acordada co remate de 2021 polo Consello da Xunta, que aprobou un
convenio de colaboración entre o IGAPE, AJE Ourense e o Parque
Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole, con vistas a dar forma
definitiva ao proxecto virtual.
O
acordo, que conta cun orzamento de 175.220 euros, permitirá ofertar
servizos de alto valor engadido no eido da dixitalización a un
máximo de 300 beneficiarios, na procura “de dar resposta á
necesidade do sector empresarial galego de adaptarse e construír
empresas dixitalmente competitivas”, sinalou o IGAPE, engadindo que
o polígono virtual estará localizado na Tecnópole (San Cibrao das
Viñas) e que dende alí “ofrecerá ás empresas distintos produtos
de dixitalización como a creación dunha plataforma dixital, un
servizo de hospedaxe web e dominio adaptados a cada un dos usuarios
en función das súas necesidades, ou a creación dun espazo de
traballo para profesionais no que dispoñan dun conxunto de solucións
na nube”.
A
esta oferta engádense os servizos de asesoramento e a posta en
marcha doutras actuacións complementarias como o deseño e produción
de elementos gráficos para a execución de campañas comunicativas,
o rexistro da marca ou a elaboración de estratexias de comunicación
en distintas canles.