IKEA venderá altofalantes conectados en agosto

luns, 8 de abril do 2019 Marcus Fernández

Durante 2018 os altofalantes con asistentes de voz desembarcaron no mercado español con bastante forza, pero este ano podería ser o da normalización dos altofalantes conectados grazas, en boa media, por lanzamentos como a nova gama de altofalantes de IKEA, Symfonisk, que desenvolveron en colaboración con Sonos, e que chegarán ás tendas no mes de agosto.
A proposta de IKEA chega inicialmente en dous formatos: por unha banda temos un altofalante de formato rectangular que busca montarse coa barra ou o estante Kungsfors, ou agocharse nunha repisa para unha boa integración nunha estancia, e que, como outros altofalantes deste tipo, tamén pode empregarse en grupo para conseguir son estéreo ou envolvente; e por outra banda temos unha lámpada de mesa que agocha un altofalante semellante ao Sonos One.
No que a prezos se refire, a lámpada de mesa con altofalante Wi-Fi integrado venderase a 179 euros, mentres que o altofalante Wi-Fi rectangular que pode empregarse a xeito de repisa venderase a 99,95 euros, prezos que serían máis populares aos que nos ten afeitos Sonos, polo que poderían ser un grande éxito de vendas e xogar un grande papel á hora de popularizar os altofalantes conectados.

JPEG - 124.7 KB
O altofalante con forma de lámpada é un dos formatos máis atractivos para a súa integración no fogar
JPEG - 150.1 KB
O altofalante con forma rectangular de IKEA terá un prezo de 99,95 euros, o que podería ser o seu principal factor de éxíto

PUBLICIDADE