IKEA venderá os seus propios televisores no outono

mércores, 18 de abril do 2012 Marcus Fernández

A popular multinacional neerlandesa de orixe sueca IKEA vai dar importante paso ao entrar no negocio da electrónica de consumo cun produto que pretende integrar deseño, audio e vídeo e que responde ao nome de UPPLEVA (experiencia) e busca convertese nun novo segmento para os salóns dos nosos fogares.
Este produto de IKEA quere ofrecer unha solución que permita levar o audiovisual ao salón da nosa casa dun xeito elegante, ocultando os cables e adaptándose a distintos tamaños de habitación. Estariamos ante un moble que integraría un televisor LED, son 2.1 cun subwoofer sen fíos, conexións á Rede (para televisores de máis de 24 polgadas) e un reprodutor de Blu-ray, quedando todos estes elementos integrados tanto fisicamente coma no seu control (empregarán un único mando a distancia).
Estes dispositivos de electrónica estarán fabricados pola compañía chinesa TCL Multimedia e gozarán de alta conectividade, con portos USB para a reprodución de contidos audiovisuais (soportando incluso vídeo DivX HD) e portos HDMI para conectar outros dispositivos adicionais para os que tamén reservan espazo para que poidan integrarse de xeito invisible nesta atractiva solución doméstica.
O UPPLEVA partirá dun prezo de 6.500 coroas suecas (734,24 euros) e chegará ás tendas españolas de IKEA o vindeiro outono.


Vídeo de presentación da nova solución para o salón de IKEA

O novo produto de IKEA preséntase como unha solución moi flexible para introducir o audiovisual nas nosas vivendas

PUBLICIDADE