IKEA xa ten altofalantes Bluetooth de marca propia

luns, 9 de abril do 2018 Marcus Fernández

Cada vez son máis os produtos de electrónica de consumo que IKEA introduce no seu catálogo, sendo os últimos en chegar os altofalantes Bluetooth Eneby, que polo momento só están dispoñible para EE.UU. e Reino Unido, pero son unha curiosa proposta para os que gusten dos deseños minimalistas e a flexibilidade de instalación.
Para comezar, os altofalantes Eneby chegan en dous tamaños (20 x 20 x 8 centímetros e 30 x 30 x 11 centímetros) e dúas cores (branca ou negra), custando o modelo máis cativo 49 dólares e o maior 89 euros, podendo completarse cun par de accesorios: unha batería que por 20 dólares permite dotar de 10 horas de autonomía ao altofalante cativo (para así poder empregalo lonxe dunha toma de corrente) e un soporte de 10 dólares que facilita a colocación de calquera dos modelos de altofalante Eneby.
Estes altofalantes poden recibir son tanto a través de Bluetooth como dunha toma auxiliar de 3,5 milímetros, poden colocarse sobre a mesa ou montarse nunha parede e a súa parte frontal de tea pode extraerse no caso de preferir unha aparencia máis minimalista (ao expor as partes dos altofalantes).
Polo momento non sabemos a data na que chegarán ás tendas españolas, pero parece bastante probable que tarden pouco en comercializarse a nivel europeo.

JPEG - 89.8 KB
IKEA vende un soporte para unha mellor colocación dos seus altofalantes sen fíos
JPEG - 137.6 KB
Os altofalantes de menor tamaño son moi aptos para o seu transporte
JPEG - 295.2 KB
Cunha batería podemos facer que os altofalantes Eneby de 20 x 20 centímetros teñan unha autonomía de até 10 horas

PUBLICIDADE