INECO RuralTIC inicia en Carnota a súa segunda edición na provincia da Coruña

xoves, 7 de marzo do 2024 S. P.

A provincia da Coruña incorpórase á segunda edición de INECO RuralTIC, o programa de dixitalización do mundo rural desenvolvido por INECO, a empresa pública de enxeñería e consultoría. A actividade comezou no concello de Carnota, onde xa se atopan (dende o 4 de marzo e até o día 15 deste mesmo mes) dous nómades dixitais de INECO, desenvolvendo o seu labor no marco deste programa que permite aos propios profesionais da firma pública compatibilizar o teletraballo en pequenos territorios de España.
O municipio coruñés convértese así nun dos territorios onde INECO RuralTIC desenvolve a súa segunda edición, que desde o pasado novembro e ao longo dos próximos meses chegará de forma graduada a 84 municipios españois. Trala súa participación na primeira edición, A Coruña súmase por segunda vez a este programa que en datas vindeiras chegará tamén a Ares, Porto do Son, Sobrado e Touro.
Julia Santos e Zeus Enmanuel, profesionais da empresa público no ámbito de Material Rodante e soporte TI, respectivamente, continuarán coa súa actividade habitual de maneira remota ao mesmo tempo que apoian a Carnota a través de diferentes obradoiros de dixitalización.
Segundo destacan dende a empresa pública, “Carnota ten interese en mellorar as habilidades dixitais dos seus cidadáns a través das formacións que INECO RuralTIC ofrece en materia de comunicación dixital, correo electrónico, mensaxería instantánea, banca e compra online, trámites administrativos, seguridade na internet, etc”.
Na súa faceta de desenvolvemento económico, o programa INECO RuralTIC permitirá aos nómades dixitais apoiar ás pemes locais con obradoiros sobre tecnoloxía para pequenos negocios, posicionamento dixital e tramitacións electrónicas, entre outras temáticas.