INECO asenta en Lugo o seu primeiro centro de produción remoto no ámbito estatal

martes, 18 de xullo do 2023 S. P.

O primeiro centro remoto de produción de INECO en España xa está operativo en Lugo. A alcaldesa Lara Méndez visitou este luns 17 de xullo as instalacións da consultora pertencente ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana acompañada do seu presidente o tamén lucense Sergio Vázquez Torrón.
A empresa de enxeñaría conta con 15 empregados/as traballando na recentemente estreada oficina, que é, como dixemos, o seu primeiro centro remoto na xeografía estatal. A compañía integrada por máis de 5.500 profesionais, desenvolve proxectos nos eidos da mobilidade sustentábel e a transformación dixital, tanto a nivel nacional como internacional, tendo presenza nos cinco continentes.
O equipo de INECO instalado en Lugo responde a un perfil diverso e multidisciplinar con titulacións diferentes que van desde a enxeñaría civil, de camiños, aeronáutica, agrícola, pasando por arquitectura e informática.
“Procedentes de distintos puntos de España este grupo de profesionais traballa actualmente en proxectos para ADIF, Enaire e Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e poderán, nun futuro, achegar a súa experiencia para outros proxectos nacionais e internacionais que a empresa está a desenvolver”, avanzou Sergio Vázquez.
A alcaldesa aplaudiu a vontade de INECO de impulsar alianzas con universidades e centros de FP, así como de abrir posíbeis vías de colaboración con empresas locais no territorio, en alusión ao convenio de colaboración asinado coa USC para avanzar no deseño de infraestruturas lineais de ferrocarril e estradas. Deste xeito, salientou, investigadores do Campus de Lugo de Enxeñería Civil e do Departamento de Matemáticas que son punteiros na área, traballarán conxuntamente no desenvolvemento dunha aplicación pioneira a nivel mundial con gran potencial.
Méndez aproveitou a visita para valorar moi positivamente o modelo de descentralización lanzado pola compañía o pasado mes de marzo, nunha aposta pola territorialidade que abriu aos seus profesionais a posibilidade de realizar a súa actividade desde calquera punto de España, con independencia de onde se desenvolva o proxecto no que participan, aproveitando o potencial tecnolóxico do que dispón a empresa.
Vázquez Torrón lembrou que máis de 800 empregados/as de Ineco interesáronse por sumarse a esta mobilidade xeográfica, identificando as localizacións polas que mostraban unha maior predilección.

PUBLICIDADE