INECO impulsa en Galicia un proxecto pioneiro de uso de drons para atender servizos clave no rural
mércores, 4 de xuño do 2025
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e o presidente de INECO, Sergio Vázquez Torrón, supervisaron este mércores 4 de xuño, na contorna natural do miradoiro de Triguás (Parada de Sil), as primeiras demostracións reais de servizos comerciais con drons do proxecto ESCAI Ribeira Sacra, unha iniciativa pioneira en España liderada por INECO e apoiada polo clúster SIAM (Clúster Español de Mobilidade Aérea Innovadora).
Pedro Blanco destacou esta iniciativa como “un exemplo de colaboración público-privada que impulsa directamente o mundo rural pondo a tecnoloxía ao servizo da cidadanía”. Deste xeito, dixo, “o Goberno da resposta con avances e modernidade aos desafíos do territorio, aproveitando o seu potencial e mellorando a vida das persoas con independencia de onde vivan”.
Pola súa banda, Sergio Vázquez Torrón destacou a relevancia do fito acontecido hoxe, e subliñou: “Sempre se fala da mobilidade aérea innovadora como o eterno futuro que nunca alcanzamos, pero a realidade é que, desde un punto de vista técnico, está moi avanzada. Hai que pór o foco na aceptación social e no desenvolvemento dun marco regulamentario que o faga viable e seguro.”
Explicaron que o proxecto nace como responde o chamamento interno de innovación que promove a enxeñaría e consultoría pública INECO, dependente do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable, entre o seu equipo.
ESCAI, siglas de Espazo para Servizos Comerciais Aéreos Innovadores, pretende impulsar o uso seguro de vehículos áreos non tripulados para servizos crave en contornas rurais. Nesta etapa do proxecto realizáronse demostracións reais con simulacións de posñibles usos que esta nova forma de mobilidade permite. Entre outras propostas, mostrouse un caso de transporte loxístico de paquetes, que abre a porta a un futuro no que comercios ou particulares poidan enviar produtos locais de forma áxil e sustentable. Tamén se mostraron aplicacións en agricultura de precisión, como a dispersión de produtos con auga para optimizar recursos, e no mantemento de prevención de infraestruturas mediante a inspección aérea de estradas e liñas eléctricas.
Ademais, realizáronse probas de análises de cobertura vexetal para a prevención e conservación da paisaxe, e unha simulación de procura e rescate con cámara térmica en operacións de emerxencia. Finalmente, mostrouse unha técnica avanzada de coordinación de enxames de drons, con aplicacións en vixilancia.
Este proxecto, apoiado por AESA (Axencia Estatal de Seguridade Aérea), a DGAC (Dirección Xeral de Aviación Civil) e Enaire, enmárcase dentro da folla de ruta marcada por SIAM co recentemente presentado Libro Branco de Vertipuertos. Coordinado por INECO, este documento estratéxico establece as bases para o desenvolvemento destas infraestruturas esenciais para a Mobilidade Aérea Innovadora.
Durante o acto institucional, destacouse que ESCAI Ribeira Sacra será o primeiro proxecto dunha rede de contornas similares que se poderán replicar noutros territorios.
Cun enfoque centrado na seguridade aérea, a eficiencia administrativa e a estandarización operativa, “a contorna da Ribeira Sacra servirá de referencia para despregar operacións que hoxe enfrontan máis dificultades técnicas, especialmente as relacionadas con servizos esenciais no ámbito rural”, sinalaron.
