INNOV4LIFE abre unha convocatoria para validar solucións dixitais en saúde en Galicia e o Norte de Portugal

mércores, 10 de setembro do 2025 S. P.

O proxecto INNOV4LIFE vén de abrir unha convocatoria para validar solucións dixitais en saúde en ámbalas beiras da raia. Trátase dunha iniciativa na que participa a Universidade de Santiago e que ten o obxectivo de establecer unha rede transfronteiriza de living labs entre Galicia e o Norte de Portugal para pechar a fenda entre quen innova con tecnoloxías que necesitan ser validadas e as persoas usuarias finais que forman parte do grupo demográfico ao que se dirixen estas solucións.
“Dese xeito créanse as condicións que permiten probar a recepción e adopción de solucións dixitais para a saúde entre os usuarios finais na súa propia contorna”, explican dende o proxecto, que pretende transformar a saúde a través de solucións dixitais innovadoras fundamentadas na investigación científica.
Engaden que un Living Lab é “unha contorna de innovación colaborativa na que empresas, institucións, usuarios finais e outras partes interesadas se reúnen para co crear, desenvolver, probar e validar novas solucións en condicións reais de uso”. Estes laboratorios vivos, sinalan, “permiten un enfoque centrado na persoa usuaria, con metodoloxías abertas e participativas para implicar a todos os axentes relevantes no proceso de innovación”.
Para testar e validar solucións innovadoras en contornas reais, INNOV4LIFE abriu unha convocatoria dirixida a empresas, pemes, startups e persoas emprendedoras do ámbito da saúde dixital. A convocatoria está estruturada en tres modalidades segundo o nivel de desenvolvemento tecnolóxico: ideación e desenvolvemento inicial, desenvolvemento avanzado e validación clínica no Living Lab de Vigo. Entre os principais beneficios desta convocatoria destacan o acceso a procesos de co-creación con pacientes, coidadores e coidadoras e profesionais sanitarios, a validación técnica e clínica, o apoio ao deseño centrado na persoa usuaria e a mellora da visibilidade e aceleración da entrada ao mercado.
As solicitudes para acceder á iniciativa poden presentarse ata o vindeiro 20 de outubro con prioridade para as solucións orientadas ao envellecemento, deterioro cognitivo e demencia, área na que botou a andar o proxecto e que conta coa ampla experiencia do grupo de investigación en Neurociencia Cognitiva Aplicada e Psicoxerontoloxía da USC.