ITG deseña unha solución de IA que permite a Selmark predicir as súas vendas nun 92%
venres, 21 de marzo do 2025
O centro tecnolóxico ITG (Instituto Tecnolóxico de Galicia) deseñou unha solución de Intelixencia Artificial (IA) a medida para predicir a distribución das vendas de Selmark, histórica empresa con sede en Vigo referente no ámbito da lenzaría. En concreto, ITG aplicou técnicas de IA para coñecer, cunha porcentaxe de acerto do 92%, a demanda de produtos da marca.
Así, o desenvolvemento materialízase nun piloto baseado en IA que, en primeiro lugar, recompila datos históricos de vendas desde diversas fontes internas, en segundo lugar, homoxeniza a información para garantir a súa coherencia e tratamento e, finalmente, realiza análises complexas mediante un sistema preditivo avanzado composto por dous tipos de algoritmos.
O ITG explica que a forma de visualización dos datos está “deseñada para facilitar a toma de decisións informadas de maneira áxil e sinxela, e permite a Selmark mellorar a xestión das liñas de produción da empresa e a súa cadea loxística”. Grazas á solución de ITG, Selmark tamén “pode axustar a fabricación ás vendas estimadas, optimizando a actividade do departamento comercial e a rede de vendas, minimizando a incerteza na toma de decisións e permitindo unha asignación máis eficiente dos recursos, coa consecuente redución de custos”.
O centro tecnolóxico coruñés engade que “esta mellora non só achegaría beneficios tanxíbeis aos máis de 5.000 puntos de venda en 40 países onde opera a marca de lenzaría, senón que tamén axilizaría a reposición de stocks e lanzamentos máis aliñados coas tendencias, repercutindo de forma directa na experiencia de compra das consumidoras; e ademais este desenvolvemento levouse a cabo utilizando ferramentas tecnolóxicas gratuítas, o que supuxo un baixo custo de aplicación para a empresa, facendo realidade aplicar recursos de IA de maneira accesíbel”.
Doutra banda, a solución permite identificar os establecementos que mellor conectan co mercado con só o 8% das compras realizadas ao comezo de cada campaña. “Estas tendas, ao estar en contacto directo cos consumidores, son capaces de detectar cambios emerxentes nas tendencias de compra antes de que se reflictan nos datos convencionais”, explican fontes do ITG, engadindo que a clave “é identificar a necesidade do cliente e definir con el unha solución mínima viábel, que moitas veces está condicionada pola cantidade e a calidade dos datos dos que dispón. A partir de aí, o máis importante é mellorar esa cantidade e calidade dos datos, sen deixar de adestrar o modelo para que poida adaptarse a novos contextos e manter o seu nivel de acerto" explica Óscar González Represas, director da División de IA de ITG.
“O uso de ferramentas de IA é un paso máis no noso camiño cara á transformación dixital e reforza a nosa capacidade de anticiparnos aos cambios do mercado. Grazas á innovación, consolidamos un modelo de negocio áxil, sostíbel e orientado á excelencia, en sintonía coa nosa estratexia global de crecemento”, apunta Diego Piñeiro, director de Innovación de Selmark.