ITG e NTT DATA presentan en Santiago o futuro da mobilidade urbana europea con drons

mércores, 28 de setembro do 2022 S. P.

Santiago fixo historia, este 28 de setembro, en materia de tecnoloxía aeroespacial. Foi grazas ao proxecto internacional H2020 AMU-LED, adicado a avanzar na integración segura de operacións con drons en contornas urbanas, cuxos avances foron presentados este mércores 28 na Cidade da Cultura da man do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), entidade participante no proxecto. Esta iniciativa vai destinada a crear cidades máis sustentábeis, intelixentes e seguras en materia de novas tecnoloxías aéreas e ante o desafío dunha cada vez meirande presenza de aerotaxis, drons de reparto de mercadoría ou sistemas non tripulados para emerxencias. A UAM (mobilidade aérea urbana) e proxectos como AMU-LED serán de grande axuda neste desafío, segundo coincidiron as entidades reunidas en Santiago.
Este proxecto, impulsado pola Comisión Europea, involucra a un consorcio de 17 compañías e institucións de Europa e Estados Unidos, e en fases previas presentáronse demostracións en diferentes puntos de Europa como as realizadas en Cranfield (Reino Unido), Ámsterdam, Enschede e Róterdan (Países Baixos).
Desta volta, o ITG e NTTA DATA presentaron en Santiago de Compostela a única demostración en España do proxecto, deseñada e coordinada por ITG nunha experiencia que o instituto cualificou como unha “das maiores e máis avanzadas concentracións de tráfico aéreo de drons de Europa”, con vehículos aéreos tripulados e non tripulados realizando máis de 30 operacións, tanto reais como simuladas. Ademais, foi posíbel visitar o centro de control de tráfico de drons instalado para as probas, pioneiro en Europa.
O ITG tamén explicou que os casos de uso que se están levando a cabo están relacionados coa mobilidade aérea en contornas urbanas en diversos sectores. En concreto, ITG, AXEGA, Cranfield, Catec, INECO, EHang e Airbus participan con tráfico simulado. Estes operadores utilizarán para as demostracións nove aeronaves para realizar voos de inspección, de fotografía aérea, de vixilancia, de transporte de mercadorías, de servizo de aerotaxi (simulado por restrición da autoridade aeronáutica), de misións prioritarias de servizo público ou de telecomunicacións. Neste sentido, Telefónica probará as capacidades 5G en escenarios de voos.
No corazón do centro de xestión sitúase AIRUS, desenvolvemento tecnolóxico de ITG e NTT DATA, que fará posíbel a “perfecta orquestración do tráfico previsto”, explicaron as entidades, engadindo que do que se trata é “dun software que incorpora os últimos avances en enxeñería de tráfico de drons para proporcionar funcionalidades ao centro de xestión como identificación e rexistro de vehículos aéreos non tripulados, xeoposicionamiento, resolución de conflitos de plans de voo, seguimento e monitoraxe do voo, información de tráfico, interface cun controlador de tráfico aéreo, xestión de emerxencias, información aeronáutica precisa e fiábel, etc”. Amais, explicou o ITG, o nivel de intelixencia, seguridade, automatización e dixitalización da tecnoloxía permiten o tráfico UAS (drons) en escenarios complexos, onde a vixilancia é obrigatoria, por exemplo en BVLOS (voos que se realizan máis aló do alcance visual do piloto), en contornas aeroportuarias, en espazos aéreos de alta densidade de tráfico, en áreas urbanas ou noutras infraestruturas críticas.
Os exercicios levados a cabo dentro de AMU-LED inclúen máis de 100 horas de voo combinando diferentes sistemas aéreos non tripulados e contemplan diferentes escenarios, casos de uso e aplicacións. Entre eles, operacións simuladas de taxi aéreo, transporte de carga, entrega de bens e equipos médicos, inspección de infraestruturas, vixilancia policial e apoio a servizos de emerxencias. Mediante probas reais e simulacións, o proxecto explora e demostra os beneficios do desconxestionamento das estradas grazas á mobilidade aérea, así como as melloras no transporte de persoas e bens, a redución e flexibilidade dos tempos de traxecto e a diminución da polución e accidentes de tráfico.
“AMU-LED”, engadiron fontes do ITG, “axudará a situar tanto a Galicia como a España no ámbito do futuro transporte intelixente, demostrando como a integración segura e eficiente de distintos tipos de operacións con drons no ceo das nosas cidades pode contribuír con iso ao desenvolvemento regulamentario e normativo”.
GAIN
Na presentación destas probas en Santiago participou a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, que destacou a súa contribución ao posicionamento de Galicia na vangarda da mobilidade aérea intelixente. A directora puxo en valor que desde o Polo Aeroespacial de Galicia tamén se está a traballar con este obxectivo e destacou o proxecto Galician Skyway desenvolvido por Boeing, que “xerou tecnoloxías avanzadas centradas en dar resposta ao obxectivo de fortalecer a seguridade das operacións con vehículos non tripulados e achanzar o camiño para un futuro no que as aeronaves tradicionais e os drons convivan nun mesmo espazo aéreo”.
Tamén se referiu aos simuladores avanzados que están a desenvolver Indra e Boeing e que a partir do próximo ano estarán operativos no Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR) -que xa conta na actualidade cun simulador de probas e continxencias- que “sen dúbida contribuirán a consolidar esta infraestrutura do Polo Aeroespacial de Galicia como referente para testar novas tecnoloxías que, como as impulsadas por AMU-LED, sirvan para acelerar a construción dun marco regulatorio europeo sólido para a mobilidade aérea”, dixo.

PUBLICIDADE