ITG fai posíbel o primeiro voo europeo de aerotaxi non tripulado en contorna urbana

mércores, 5 de marzo do 2025 S. P.

O centro tecnolóxico ITG participou no primeiro voo europeo dun aerotaxi non tripulado nunha contorna urbana real. Esta operación, que tivo lugar a semana pasada no espazo aéreo de Benidorm e que se encadrou no proxecto U-Space (xestión do tráfico aéreo dos drons), foi coordinada pola Universitat Politècnica de València, que operou de maneira simultánea un aerotaxi non tripulado da empresa EHang con capacidade para transportar dúas persoas, xunto con 11 drons que simularon diversas operacións, desde transporte e entrega de mercadorías, ata labores de vixilancia e de salvamento.
Para garantir a integración eficiente e segura de todos os drons no espazo aéreo, ITG, única entidade galega participante na súa condición de centro tecnolóxico, achegou a súa plataforma tecnolóxica DALIAH.
A demostración, pioneira en Europa, forma parte do demostrador europeo U-Elcome, no que participan 51 socios de tres países, España, Francia e Italia, todos eles coordinados por EuroControl. O obxectivo deste consorcio é integrar e validar os primeiros servizos U-Space (xestión do tráfico aéreo dos drons) en Europa, e para iso estanse realizando varias demostracións a gran escala, en condicións reais de voo, en España, Francia e Italia.
ITG é o único centro tecnolóxico de Galicia presente neste consorcio formado por empresas, xestores públicos e centros tecnolóxicos, entre outras entidades, e ten un dos roles máis activos ao participar na súa dobre condición de provedor de servizos de U-Space e centro demostrador con infraestruturas específicas para testar solucións comerciais e pre-comerciais.