Ibai Llanos retransmitirá a Copa América a través de Twitch

venres, 18 de xuño do 2021 Marcus Fernández

O célebre streamer español Ibai Llanos continúa a realizar accións que deixan unha grande impresión incluso entre un público alleo ao mundo das retransmisións en directo a través de Twitch, como cando retransmitiu as badaladas de fin de ano, e agora sorprende anunciando que ofrecerá a través da súa canle de Twitch as retransmisións da Copa América de fútbol para toda España e completamente de balde.
A incerteza creada pola actual situación sanitaria global levou a que a celebración da Copa América non contase con poxas por parte das canles de televisión estatais, de xeito que en España os dereitos foron a recaer nas televisións autonómicas. O pouco éxito de audiencia dos primeiros partidos (que en Galicia podemos ver en directo a través da TVG) parece confirmar que realmente non é unha competición pola que compensase unha escalada de prezos polos seus dereitos e iso facilitou que poidamos ver algo que podería considerase histórico: a retransmisión oficial dunha competición deportiva internacional por parte dun streamer independente.
Ibai Llanos detallou que estas retransmisións son posibles grazas a un acordo pechado coa empresa de representación deportiva Kosmos, que era a encargada da comercialización dos dereitos da Copa América para España e tamén da Copa Davis e, de feito, as retransmisións da Copa América para España serán realmente un xeito orixinal e rechamante de promocionar a Copa Davis.

Vídeo no que Ibai Llanos anuncia que retransmitirá a Copa América 2021

PUBLICIDADE