Ibai volve rachar a marca de espectadores simultáneos en Twitch

luns, 3 de xullo do 2023 Marcus Fernández

A pasada fin de semana o célebre streamer Ibai Llanos organizou a terceira edición de La Velada del Año, un evento que combina 6 combates de boxeo afeccionado (nos que participan streamers e celebridades) con actuacións musicais de 17 artistas diferentes, congregando a 65.000 persoas presencialmente no Estadio Cívitas Metropolitano de Madrid, ás que se sumaron até 3.449.999 espectadores simultáneos, rachando unha vez máis o teito de Twitch (o ano pasado chegaran aos 3,3 millóns de espectadores de pico), plataforma na que o vídeo do evento superou os 100 millóns de visualizacións.
Falamos dun evento de 8 horas de duración, que de media congregou a 2,9 millóns de espectadores en Twitch, e acumulou máis de 15 millóns de espectadores na plataforma, converténdose nun acontecemento que claramente compite coas retransmisións deportivas tradicionais.
Aínda que as infraestruturas tecnolóxicas non parecen estar preparadas para normalizar este tipo de eventos en directo do mesmo xeito ao que acontece cos deportes nas fins de semana, son claramente un anticipo do que pode traernos o futuro, demostrando unha vez máis que os eventos orientados á Internet tamén teñen demanda para congregar ao público presencialmente.