Iberbanda leva a banda larga aos institutos do sur de Lugo

xoves, 23 de xuño do 2011 Raquel Noya

A empresa de telecomunicacións Iberbanda, un dos operadores seleccionados pola Xunta de Galicia para levar Internet ás zonas galegas con máis problemas de orografía para acceder a este servizo (no marco do Plan de Banda Larga 2010-2013), vén de aterrar no sur de Lugo, onde presentará a súa proposta de comercialización deste servizo nos institutos de ensinanza secundaria da zona.
Alí, Iberbanda vaise reunir cos pais e nais dos alumnos dos centros de ensino interesados no servizo, poñéndolle á súa disposición Internet de banda larga nos seus domicilios, con alta e instalación de balde sen compromiso de permanencia.
Os centros incluídos no Plan de comercialización e difusión do Proxecto do Sur de Lugo e a súa contorna son: IES Val do Asma e IES Lama das Quendas (Chantada), IES A Pinguela, IES Río Cabe e IES Francisco Daviña Rey (Monforte), IES de Quiroga, IES Xograr Afonso Gómez de Sarria e IES Gregorio Fernández (Sarria), IES de Monterroso, CPI Tino Grandío (Guntín), IES de Palas de Rei e IES de Vilamarín.
No marco deste proxecto de colaboración, Iberbanda xa lle facilitou o acceso ao servizo de banda larga a 22 concellos da provincia de Lugo (Carballedo, Chantada, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra de Brollón, O Saviñao, Sober, Taboada, Paradela, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Antas de Ulla, Bóveda, Friol, Guntín, Palas de Rei, Monterroso, O Corgo, Láncara, O Páramo e Sarria); así como a 4 concellos limítrofes da provincia de Ourense (A Peroxa, Nogueira de Ramuín, Vilamarín e Parada de Sil).
A través do seu servizo tngo, con tecnoloxía vía radio (WIMAX), Iberbanda pon a disposición dos seus clientes unha ampla gama de servizos de acceso a Internet de alta velocidade, telefonía, transmisión de datos e servizos de valor engadido en rede, que se comercializan a través das súas webs Iberbanda.es e tngo.es, ou do teléfono gratuíto 1630.

PUBLICIDADE