Iberia comeza a ofrecer Wi-Fi de balde coa tecnoloxía de Starlink

venres, 26 de xuño do 2026 Redacción

Iberia iniciou a despregadura do servizo de conectividade de Starlink na súa frota co primeiro voo dun avión equipado con esta tecnoloxía, converténdose na primeira aeroliña española en ofrecer acceso gratuíto a Internet mediante a rede de satélites de órbita baixa desenvolvida por SpaceX.
O primeiro aparello con este sistema, un Airbus coa matrícula EC-MAA, despegou na noite do 23 de xuño desde o aeroporto Adolfo Suárez Madrid-Barajas con destino a São Paulo. Os pasaxeiros do voo IB3267 foron os primeiros en probar unha conexión de alta velocidade dispoñible durante toda a viaxe, desde o embarque ata a chegada (gate-to-gate).
O novo servizo estará dispoñible sen custo adicional para os clientes de todas as clases (Turista, Turista Premium e Business) e ofrecerá velocidades de ata 500 Mbps. Segundo Iberia, a capacidade da rede permitirá que numerosos dispositivos permanezan conectados ao mesmo tempo, facilitando actividades como videoconferencias, retransmisións en directo, videoxogos en liña, navegación web ou traballo remoto cunha experiencia máis próxima á dunha conexión doméstica.
A tecnoloxía de Starlink baséase nunha constelación de miles de satélites situados en órbita baixa terrestre, o que permite reducir a latencia e ofrecer unha conexión máis rápida e estable ca os sistemas tradicionais de conectividade vía satélite empregados na aviación comercial.
A implantación do sistema realizarase de forma progresiva durante os vindeiros dous anos, ata chegar ao conxunto da frota de Iberia.
Esta iniciativa forma parte do Plan de Voo 2030, a folla de ruta coa que a aeroliña prevé investir 6.000 millóns de euros en áreas como a mellora da experiencia do cliente, a intelixencia artificial, a renovación da frota e o desenvolvemento de Ciudad Iberia como centro de innovación aeronáutica. O proxecto é consecuencia do acordo estratéxico asinado polo grupo IAG con Starlink o pasado mes de novembro.