Icarian será o primeiro xogo español para WiiWare
mércores, 25 de marzo do 2009
O estudo
madrileño Over the Top Games presentou
esta semana o seu primeiro xogo para WiiWare, a plataforma de xogos
en descarga para a consola de videoxogos doméstica de Nintendo, que responde ao
nome de Icarian: Kindred Spirits,
e sairá á venda no mes de maio por un prezo por concretar entre 10 e 15 euros.
O xogo está ambientado na antiga Grecia e inspírase no mito de Ícaro, aínda que
o personaxe que manexaremos será Nyx, unha amiga do mozo con ás de cera que
tamén conta con este tipo de artefacto que lle permite voar na busca do seu
amigo, para o que contará coa axuda dos deuses do Olimpo (que agasallarán a Nyx
con poderes coma mover obxectos ou poder crear correntes de aire para chegar a
lugares elevados). Pero non só o argumento e a estética gráfica son os
elementos coidados nesta aventura, senón que tamén tirará proveito do sistema
de control da Wii (facendo uso tanto do Wiimote coma do Nunchuk).
Os creadores deste título descargable (catro mozos que traballaran en empresas
coma Pyro Studios e Mercury Steam) foron capaces de imaxinar un xogo de
plataformas moi orixinal e imaxinativo, no que usuario terá que facer fronte a
grandes inimigos finais orixinarios de mitos gregos (como a hidra), e que de
acadar un bo resultado comercial demostraría que os pequenos estudos poden
facerse un oco no mercado dos videoxogos no que non todos os produtos son
superproducións.
Primeiro vídeo de Icarian no que podemos facernos unha idea da súa mecánica de xogo