Ideaspropias Editorial celebra 20 anos formando a profesionais

mércores, 19 de febreiro do 2025 S. P.

Pedro López, director xeral de Ideas Propias

Ideaspropias Editorial, provedora galega de contidos e formación avanzada e plataforma de teleaprendizaxe (elearning), está estes días de celebración, conmemorando os seus 20 anos de andaina formando a profesionais de todos os sectores, achegando cursos, publicando un amplo abano de contidos didácticos e estreándose en 2022 nun ámbito en clara proxección: os audiolibros.
O selo comezou a súa traxectoria en 2005 como un pequeno departamento para desenvolver manuais formativos que logo converteuse nunha editorial con presenza nacional e internacional. Desde entón, acompañou a miles de docentes, estudantes e profesionais no seu proceso de aprendizaxe, cun compromiso firme coa calidade e a innovación educativa. Segundo Pedro López, director xeral de Ideaspropias Editorial, “nacemos para dar resposta a unha necesidade real: os docentes non atopaban libros adecuados para impartir os seus cursos”. Engade que “co tempo medramos xunto a estes docentes, adaptándonos ás novas formas de aprender e aos cambios do sector... vinte anos despois, seguimos coa mesma misión: ofrecer contidos formativos que realmente acheguen valor e axuden ás persoas para avanzar na súa vida profesional”.
Desde a súa fundación, Ideaspropias Editorial apostou pola “formación como motor de desenvolvemento”. Presenta “un catálogo en constante evolución” e ten publicados manuais especializados, materiais didácticos e contidos e-learning que serviron de apoio ao ensino en múltiples ámbitos profesionais. “Para nós, a clave sempre estivo na calidade dos contidos e na súa utilidade real para a aprendizaxe. Non abonda con publicar un libro ou un curso en liña, hai que deseñar materiais que axuden ás persoas para adquirir competencias e a aplicalas no seu día a día”, sinala Pedro López.
No marco do seu 20 aniversario, a editorial quere render homenaxe a todos os perfís creativos que formaron parte da súa historia: autores, ilustradores, deseñadores, editores e expertos en formación. “As ideas nacen das persoas, e por iso queremos seguir apostando pola creatividade e a colaboración como motores da aprendizaxe”, engade López.
Coa vista posta no futuro, Ideaspropias Editorial seguirá “ampliando o seu catálogo e explorando novas metodoloxías para ofrecer contidos formativos adaptados ás necesidades dos profesionais de hoxe”, sinala Pedro.