Igaciencia abre en Santiago unha mostra sobre a tecnoloxía de luz feita case toda ela con Raspberry Pi

martes, 3 de novembro do 2015 Redacción

Hoxe inaugúrase na Galería Sargadelos de Santiago a mostra A Ciencia e a Tecnoloxía da Luz, unha exposición de Igaciencia co que se quere conmemorar o Ano internacional da Luz e o día da Ciencia en Galego 2015. A exposición, que ao fío das 19.00 horas achega unha visita guiada para o profesorado e para as persoas interesadas nela, fornece unha serie de claves científicas e tecnolóxicas a ter moi en conta, sobre todo dende un punto de vista maker e de desenvolvemento colaborativo de tecnoloxías sen cancelas. Segundo informa Igaciencia, será unha mostra pioneira no ámbito do hardware libre. De feito, trátase con toda probabilidade da primeira exposición elaborada (na súa maioría) con Raspberry Pi, que é, como lembraremos, a placa computadora de baixo custe desenvolvida no Reino Unido pola fundación do mesmo nome co obxectivo de estimular o ensino de ciencias da computación nas escolas.
Entre outras cousas, a mostra inclúe unha porta láser vernier conectada a un hardware Arduino e a súa vez conectado a un pequeno computador Raspberry. Tamén se amosará o potencial de programar dende un Raspberry a un Arduino e controlando a cor dun Led RGB, tarefa que achega interesantes posibilidades para presentar novidades tecnolóxicas (unha cámara de infravermellos vista desde un Raspberry) ou como sistema de presentación de custe accesíbel de programas ou vídeos.
No que respecta aos cativos, a exposición achegaralles unha boa oportunidade para “gozar con ducias de periscopios, calidoscopios, microscopios, caixas do infinito, simetrías con espellos, calidoscopios poliédricos e demais”, sinala Igaciencia, que tamén recorda que a mostra vai significar para os pequenos unha ocasión moi axeitada para introducirse nos ámbitos da realidade virtual, a realidade aumentada e as 3D, e todo a través dos dispositivos móbiles (a organización da mostra vailles propoñer ao centos educativos que os alumnos baixen programas preparados para usárense con lentes de deseño Google).

PUBLICIDADE