Ikaruga chega a Android

luns, 21 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

Ikaruga é un dos xogo matamarcianos que poderiamos considerar un clásico moderno, pois en vez de nacer no apoxeo dos shoot’em up nos anos 80, chegou a máquinas recreativas Sega NAOMI en 2001 e a Dreamcast en 2002, conseguindo converterse en todo un referente para os amantes dos xogos nos que o reto é máis esquivar centos de disparos inimigos (especialmente ao chegar aos distintos xefes finais) que destruír aos rivais. Tal foi o éxito deste título que contou con adaptacións para GameCube e incluso Xbox Live ARCADE, e agora dá o salto a móbiles con Android 2.1 ou superior nunha excelente conversión que dende os pasados días está dispoñible en Google Play por 6,75 euros.
A versión móbil deste xogo de naves de desprazamento vertical conserva a súa curiosa mecánica na que podemos alternar entre modos branco e negro para poder absorber as balas inimigas para cargar unha superarma. Un título imprescindible para os que gocen dun xénero de grande dificultade e un catálogo de xogos moi reducido, por estarmos ante unha mecánica máis propia de recreativas que de consolas domésticas (aínda que casa moi ben cos dispositivos móbiles, onde a curta duración das partidas non supón unha eiva).


Trailer de Ikaruga