Imagames, premiada internacionalmente polo seu traballo en gamificación aplicada á política

luns, 10 de setembro do 2018 Fernando Sarasketa

A compañía galega Imagames (orientada ao desenvolvemento de solucións de gamificación na formación, ás técnicas de aprendizaxe virtual ou á mercadotecnia dixital) vén de obter un importante premio internacional ao seu labor. O recoñecemento enmárcase nos Napolitan Victory Awards que outorga a entidade The Washington Academy of Political Arts & Sciences e que son concedidos regularmente aos máis referenciais representantes mundiais do ámbito da consultoría pública.
O premio foi concedido, na categoría de Tecnoloxía do ano aplicada á política, á aplicación móbil de gamificación que Imagames desenvolve para o Partido Nacional de Honduras e que ten como obxectivo a captación, formación e mobilización de simpatizantes e cadros do partido.

Rubén Turienzo recollendo o galardón

Segundo informa a empresa galega, a dita ferramenta (que só está dispoñíbel arestora para iOS) busca tirar partido das tecnoloxías propias do lecer dixital para lanzar mensaxes, posicións e argumentarios políticos do devandito partido “dunha maneira rápida (inmediata) e divertida”, explican dende Imagames, salientando tamén a capacidade destas canles para “calar na cidadanía e formar simpatizantes, afiliados e militantes na liña política da agrupación”.
A app permite transmitir á contorna de persoas que rodean a unha fronte política un ideario único e claro en diferentes temas de actualidade “dunha maneira inmediata e sumamente divertida”, creando unha rede social entre grupos de cidadáns en función dos seus vencellos co partido.
A app, engade Imagames, promove ademais a mobilización na acción pública das persoas e facilita e potencia a organización de eventos dos partidos.
O galardón recolleuno Ruben Turienzo, colaborador de Imagames amais de consultor político e conselleiro do Goberno de Honduras, con quen se desenvolveu a aplicación distinguida. Turienzo, por outra banda, é experto na xestión de recursos humanos en grandes compañías e actualmente ocupa o posto de Head of Talent en Telepizza, onde Igamames ten implantada a súa tecnoloxía para a formación de empregados a través da gamificación.
Dende a firma galega engaden tamén que malia os seus tres anos de existencia, multitude de clientes importantes xa posúen a súa tecnoloxía. Entre eles cómpre salientar empresas como a propia Telepizza, Alcampo, Sociedade Téxtil Lonia (Carolina Herrera e Purificación Garcia), New Balance, FINSA, ABANCA, ou COTY (Max Factor, Rimel).

PUBLICIDADE