Imaxina Coruña abre o seu prazo de inscrición
xoves, 18 de setembro do 2025
Xa está aberto o prazo de inscrición na quinta edición do programa municipal Imaxina Coruña, unha iniciativa do Concello que, “baixo unha perspectiva innovadora”, busca “potenciar e poñer a proba o talento e enxeño do alumnado de Secundaria e Bacharelato nos eidos da ciencia e as tecnoloxías”, segundo informou o concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego, quen puxo en valor este concurso, aberto a a centros educativos públicos e concertados da cidade e a área metropolitana (Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada) que conten con grupos de alumnado da ESO e Bacharelato.
Engadiu que Imaxina Coruña “é unha magnífica oportunidade para que as novas xeracións den forma ás súas ideas en forma de proxecto”.
Cómpre lembrar que o obxectivo do programa é que as propostas contribúan á resolución dun problema real da sociedade, e “isto é moi importante, porque axuda a pensar colectivamente e a buscar solucións globais", apuntou Borrego.
A apertura do prazo de inscrición, que estará habilitado ata o 30 de outubro, abre camiño ao futuro desenvolvemento desta edición, con catro fases diferenciadas ata abril do ano que vén, cando terá lugar a tradicional feira de ideas e a entrega de premios na Domus.
Haberá premios para centros educativos, tamén mencións especiais e, como xa é habitual, premios específicos á sustentabilidade, a innovación e o compromiso social. Para estas tres categorías establécese como premio a invitación a participar ou visitar a feira científica Zientzia Azoka (Bilbao), cos gastos de desprazamento e aloxamento cubertos para os equipos gañadores e os docentes. Será en maio de 2026.
