Inaugurada en Lugo a feira de talento xuvenil Emprega-T Fest
xoves, 19 de setembro do 2024
Este xoves 19 de setembro inaugurouse na Praza Horta do Seminario de Lugo o Emprega-T Fest, un evento que ao longo de toda a xornada servirá de punto de encontro entre empresas da provincia e persoas demandantes de emprego. A feira, que conta co apoio da Deputación, está organizada polo Concello de Lugo, o Campus de Terra da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Asociación de Empresarios de O Ceao As Gándaras.
Na inauguración participaron a alcaldesa Paula Alvarellos, o responsábel de Promoción Económica da Deputación, Pablo Rivera, e o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais da Xunta, Pablo Fernández.
Pablo Rivera Capón subliñou a importancia de ofrecer espazos deste tipo “para facilitar o contacto directo entre empresas e demandantes de emprego, fomentando a creación de novas oportunidades laborais” e engadiu que "somos as xeracións mellor formadas, pero o talento necesita oportunidades para brillar, neste senso o Emprega-T Fest é unha plataforma que non só dá visibilidade ás capacidades da nosa xuventude, senón que tamén favorece a conexión con oportunidades reais no mercado laboral".
A institución provincial ofrecerá cobertura ao evento a través do Servizo de Audiovisuais, gravando as mesas redondas e obradoiros formativos que se desenvolven ao longo da xornada para logo ofrecelos a través das redes sociais, ademais de realizar entrevistas con asistentes e representantes das empresas participantes.
A xornada contará con stands de empresas, entrevistas de traballo en formato speeddating, mesas redondas e obradoiros formativos que darán a coñecer as inquedanzas e tendencias no mercado laboral. Haberá tamén unha zona gastro, de lecer e con música para desfrute dos asistentes.
Segundo explicou o Concello de Lugo, as persoas asistentes ao Emprega-T Fest poderán participar en actividades que faciliten a súa incorporación ao mundo laboral, interactuando con recrutadores de empresas de distintos sectores, asistindo a conferencias e mesas redondas, potenciando as súas competencias e habilidades comunicativas a través dos obradoiros e presentando o seu talento nas entrevistas rápidas coas empresas”.
As charlas e mesas redondas estarán impartidas por expertos de diferentes sectores. Nestes encontros informativos e de debate abordaranse temas como as tendencias do mercado laboral, as habilidades máis demandadas polas empresas, consellos para mellorar a empregabilidade e moito máis. .
Ademais, a través dos obradoiros ofrecerase aos participantes ferramentas útiles e aplicábeis na procura de emprego. “Haberá actividades destinadas a mellorar o currículo, preparar entrevistas ou desenvolver habilidades de networking”, avanzou o Concello.