Inaugurada nas Torres Hejduk unha instalación que anticipa as futuras paisaxes dixitais
xoves, 28 de agosto do 2025
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou este 28 de agosto na Cidade da Cultura a instalación artística Phygital land, traducións do físico ao virtual, unha proposta da creadora granadina Irene Molina que foi seleccionada como gañadora entre os proxectos presentados na pasada edición do Encontro de Artistas Novos.
Trátase dun traballo que combina a dimensión física coa dixital para xerar esculturas en 3D e proxeccións animadas que evocan a idea dunha paisaxe post-apocalíptica onde a natureza foi substituída por unha imperfecta versión dixital, xerada polas propias máquinas.
No acto de apertura das torres Hejduk do monte Gaiás (Santiago), Lorenzo celebrou que a “canteira de novos creadores” que pasan polo Encontro de Artistas Novos —que suma xa 15 edicións e máis de 900 artistas— continúe a dar froito en intervencións como Phygital land, “un pertinente convite a repensar a relación entre o natural e o tecnolóxico”, engadiu.
Ademais de Anxo M. Lorenzo, na inauguración participaron tamén a directora de Acción Cultural do Gaiás, Verónica Santos; o director do EAN, Rafael Doctor; e os 40 artistas participantes nesta edición do encontro.
Phygital land reflexiona sobre como percibimos o dixital e o tanxible cando ambos mundos se entrelazan. As esculturas da instalación nacen da captura mediante fotogrametría de elementos naturais como pólas, follas ou pedras. Convertidos en arquivos dixitais, son reinterpretados e re-materializados con impresión 3D. Esta tradución do orgánico ao dato, e do dato novamente á materia, dá lugar a formas híbridas onde o erro da máquina se converte en linguaxe estética.
A instalación, que conta co apoio da Fundación Banco Sabadell, poderase visitar no interior das Torres Hejduk do Gaiás ata o vindeiro 11 de xaneiro de 2026. Inclúe unha proxección envolvente cunha atmosfera sonora asinada por Diego Flórez, composta partindo de gravacións de elementos naturais —animais, plantas ou sons do mundo subterráneo— e de elementos artificiais —como tubaxes e desaugadoiros—. Empregando síntese algorítmica, o son da instalación proponse esluír os límites entre o natural, o dixital e o artificial.
A obra de Irene Molina (Granada, 1997) abrangue os novos medios con especial atención ao 3D. Na súa práctica artística investiga sobre as relacións que xorden na intersección e hibridación do obxecto dixital e o corpo físico. A súa produción quere xerar pontes entre espazos materiais e virtuais, onde o escultórico convive coa pantalla. A súa preocupación sobre o presente virtual máis inmediato pon o foco na construción e percepción do espazo e o erro dixital. Graduada en Belas Artes pola Universidade de Granada e Máster en Produción Artística pola Universidade de Málaga. Recibiu o Premio BMW de Pintura na categoría de Arte Dixital 2022 e foi residente da XXI promoción da fundación Antonio Gala.
