Inaugúrase o Congreso Internacional de Toponimia do Camiño de Santiago, que pode seguirse en academia.gal

mércores, 21 de setembro do 2022 S. P.

A Real Academia Galega xunta estes días (dende este mércores 21 até o venres 23) aos principais especialistas en onomástica xeográfica de institucións académicas galegas, españolas e europeas. Será grazas ao Congreso Internacional de Toponimia do Camiño de Santiago. Os camiños de Santiago de Europa cara a Galicia. Lugares, nomes e patrimonio, que ten o obxectivo de impulsar as novas investigacións sobre os nomes de lugar en Europa, a través “dunha chamada á sistematización dos estudos científicos neste eido relacionados coas distintas rutas xacobeas”.
A xuntanza vén da man da Real Academia Galega, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela e a Asociación Galega de Onomástica, e mais co apoio económico da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Foi presentado este mes de setembro polo presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; a académica de número e coordinada do encontro Ana Boullón; o coordinador do Seminario de Onomástica da RAG, Antón Santamarina; o reitor da USC, Antonio López; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
O congreso desenvólvese na Facultade de Filoloxía da USC e poderá seguirse en directo a través de academia.gal.
O obxectivo da cita é filolóxico, pero “vai máis alá”, fixo saber a RAG, engadindo que búscase que “o europeísmo e tamén a multidisciplinariedade percorran estas xornadas”. Así, a aplicación das novas tecnoloxías, a historia, a cartografía, o turismo ou a rehabilitación do patrimonio serán outros dos distintos eixes deste congreso, segundo explicaron as organizadoras, a académica Ana Boullón e a académica correspondente Luz Méndez. O programa afonda nunha liña aberta na VI Xornada de Onomástica Galega, que a RAG dedicou o pasado mes de outubro á onomástica no Camiño.
O congreso contará, entre outros especialistas, cos investigadores principais dos equipos de Toponomasticon Hispaniae, o proxecto coordinado pola académica Ana Boullón que ten como obxectivo o estudo e a divulgación dun corpus seleccionado de nomes de lugar de todo o territorio español e portugués e, ao mesmo tempo, o establecemento de bases metodolóxicas firmes para o estudo da toponimia.

PUBLICIDADE