Incorporan novos contidos innovadores DIXIT á iniciativa Abalar

luns, 13 de xaneiro do 2020 Redacción

A iniciativa DIXIT, que impulsa creación de contidos educativos dixitais innovadores coa implicación do profesorado e os sectores TIC e audiovisual, vén de incrementar a súa oferta incorporando novos recursos para as materias de Matemáticas, Bioloxía e Xeoloxía, que xa están dispoñibles no Repositorio de Contidos de espazoAbalar e na plataforma do libro dixital.
Alumnos e profesores contan con dous novos bloques de contidos, un de sumas e restas con unidades, decenas e centenas, a través dun taboleiro dinámico, que mellora a visualización para traballar o cálculo. E outro de multiplicación, dedicado á comprensión e práctica de múltiplos dun número, conceptos como dobre e triplo, multiplicacións de varios números, mínimo común múltiplo etc.
Ademais, engádese o Laboratorio de xeometría 3D, orientado ao estudo da xeometría no espazo cun enfoque dinámico de visualización e manipulación de figuras en tres dimensións.
A materia de Bioloxía e Xeoloxía conta cun novo Snack Experiment dedicado á unidade de xeoloxía, na que os alumnos aprenden de forma sinxela un experimento e aplican de forma guiada o método científico que lles permite sacar conclusións por eles mesmos.
Neste snack aprenderán a preparar un medidor de ph para diferenciar entre unha substancia aceda ou básica a primeira ollada, cun cambio de cor. A diferenza dos cinco anteriores, este snack experiment ofrece unha experiencia adaptativa coa posibilidade de elixir entre distintos camiños que axustan o contido segundo a decisión do alumno.
Complétase a unidade de ecosistemas cun novo contido que ofrece unha alternativa interactiva para a aprendizaxe dos ecosistemas e as relacións das especies nunha rede trófica.

PUBLICIDADE