Incoruña sobe o listón coas súas segundas xornadas sobre ecommerce (2 e 3 de xuño)

venres, 23 de maio do 2014 Fernando Sarasketa

Marc Vicente, CEO de Rakuten España, será un dos relatores das xornadas

O auditorio da ONCE da Coruña, no Cantón Grande, vai acoller os vindeiros 2 e 3 de xuño a segunda edición das Xornadas Profesionais de Comercio Electrónico Incoruña. O encontro, que a xuízo da organización (Incoruña) terá este ano “un nivel dificilmente superábel”, contará coa presenza de relatores de primeiro nivel no ámbito das actividades empresariais ligadas ás tecnoloxías dixitais de vangarda, como por exemplo Marc Vicente, responsábel de Rakuten, compañía que vén de desembarcar no mercado estatal e que en palabras da organización das xornadas constitúe “o Amazon xaponés de máis de 50 millóns de clientes”.
Tamén participarán, entre outros, Federico Aparici e a súa esposa Lola Colomar, xerentes de Laranxas Lola, “os pioneiros do comercio electrónico en España”. Asemade haberá obradoiros sobre analítica, redes sociais para vendas en liña, mesas temáticas sobre loxística, presentación e empaquetado, sesións para abordar diferentes casos de éxito de mercadotecnia web ou novos métodos de pago en liña para aumentar as vendas.
A idea arredor da que orbitan estas xornadas é a de amosar en detalle un ámbito de acción, o das novas (e innovadoras) metodoloxías de promoción e distribución, que é a todas luces un ámbito seguro contra os embates da crise. De feito, é algo máis que iso: é un eido no que medrar e facernos máis competitivos. Segundo informan os organizadores do evento, “nun marco de lenta melloría como o actual, o comercio electrónico permite ás empresas acceder a novos clientes en novos mercados”. E engade: “Vender por Internet é hoxe a mellor e máis rápida fórmula para mellorar a nosa conta de resultados, tanto se somos unha PEME, un autónomo ou unha gran empresa”. As segundas Xornadas de Comercio Electrónica abordarán de cheo este cometido.

PUBLICIDADE