Increméntase o orzamento de axudas á dixitalización da artesanía galega

venres, 5 de setembro do 2025

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, interveu hoxe na Comisión 6ª de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo para responder a unha pregunta sobre o investimento da Xunta de Galicia en 2025 destinado a apoiar a dixitalización, a innovación e a sustentabilidade no comercio e na artesanía a través das axudas unificadas. Indicou que case se duplicou tanto o número de resolucións favorables como o investimento executado respecto a 2024, en boa medida grazas á simplificación da tramitación e á integración das diferentes liñas de apoio nun marco común.
Segundo explicou, a orde para impulsar a dixitalización e a sustentabilidade do comercio local e artesanal contou este ano cun orzamento próximo aos 4 millóns de euros, beneficiando 664 comercios e 64 obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. Alén subliñou que as axudas podían acadar preto de 50.000 euros e cubrir ata o 80 % do investimento, tanto para proxectos de dixitalización e innovación como para melloras en locais, adquisición de equipamento, medidas de eficiencia enerxética ou compra de material promocional con criterios sostibles, incluíndo como novidade a elaboración de memorias técnicas de interiorismo.
O director xeral situou estas achegas no marco do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, que prevé 74 accións cun investimento global de 320 millóns de euros, estruturadas en tres eixes: un orientado á competitividade, outro á dinamización comercial e un terceiro dirixido a reforzar a cooperación interinstitucional en apoio ao comercio local.
Alén puxo en valor iniciativas como as máis de 600 campañas de dinamización apoiadas polo Goberno galego ao longo deste ano, entre elas a de Merca no teu comercio, que continúa activa en distintos puntos da Comunidade. Ademais, avanzou outras medidas innovadoras de futuro, como a posta en marcha en 2026 dun plan de formación arredor dunha plataforma ou campus virtual do comercio galego.
Finalmente, animou aos establecementos a presentar candidatura aos Premios do Comercio Galego 2025, cuxo prazo permanecerá aberto ata o 26 de setembro, co obxectivo de recoñecer o bo facer e a dedicación dun sector clave para a economía galega.