Indignación polo uso de IA xenerativa na campaña de abonados do Racing Club Ferrol
luns, 6 de xullo do 2026
Non é ningunha sorpresa que os clubs deportivos espertan paixón e reaccións moi acendidas ante calquera incidente, pero no caso da campaña de abonados do Racing Club Ferrol as reaccións de indignación parecen máis que xustificadas, pois hoxe tiña que botar a andar a primeira fase de renovación de asentos na Malata, e comezou cunha incidencia técnica na plataforma de pagamentos, facendo imposible tramitar o pagamento fraccionado de xeito telemático (con usuarios indicando que tampouco é posible a renovación ordinaria).
Pero o detalle que está a molestar seriamente aos seareiros do Racing Club Ferrol non é o funcionamento do sistema de renovación de abonos, senón a súa campaña promocional, acompañada por un polémico vídeo elaborado mediante intelixencia artifiical, na que hai dous supostos seareiros do club conversando, con expresións faciais moi raras e cunha pronuncia que dista de ser de persoas reais do noroeste peninsular (especialmente ao chamar «rasin» ao club).
Un contido que consideran que, aparte de ter unha calidade baixa, supón unha perda de identidade, e a nivel de guión tamén é toda unha ofensa para os ferroláns, ao argumentar un dos actores virtuais que en Ferrol «non traballa nin deus».
Os actores feitos con intelixencia artificial tamén aparecen nas imaxes estáticas que acompañan a campaña promocional, polo que é algo máis que un vídeo de baixo custo, senón que o uso de IA xenerativa forma unha parte integran da campaña, o que é moi difícil de xustificar, especialmente nas creatividades publicadas, que poderían realizarse de xeito moi doado con actores reais ou mesmo con afeccionados reais, conectando así moi mellor cunha afección que ve estes actos de comunicación como un desprezo.
