Indra, a SETT e a Zona Franca consolidan a planta fotónica de Vigo, SPARC
luns, 7 de xullo do 2025
SPARC Foundry e os seus principais investidores (Indra Group, a SETT e Vigo Activo da Zona Franca) formalizaron este luns 7 de xullo o acordo de investimento para a súa futura planta de chips fotónicos en Vigo.
O acto tivo lugar nas instalacións do Consorcio Zona Franca de Vigo e contou coa presenza de Abel Caballero, alcalde de Vigo; David Regades, delegado de Zona Franca de Vigo; Javier Ponce, director xeneral da Sociedade Española para a Transformación Tecnolóxica (SETT); Héctor Álvarez, director de Estratexia de Indra Group; e Francisco Díaz, CEO de SPARC.
A sinatura deste acordo estratéxico materializa o respaldo do Gobierno do 17 de xuño de 2025, cando o Consello de Ministros aprobou un investimento de 17,2 millóns de euros canalizada pola Sociedade Española para a Transformación Tecnolóxica (SETT) no marco do PERTE Chip.
Co acto deste luns, os promotores do proxecto, xunto cos principais investidores, dan continuidade ao desenvolvemento da futura fábrica de chips fotónicos de Vigo grazas a unha gobernanza multipartita que acelerará a súa posta en marcha e permitirá que a instalación estea plenamente operativa no segundo semestre de 2027.
Segundo explicaron, SPARC Foundry operará baixo un modelo one-stop-shop con capacidade para producir 20 000 obleas ao ano en sala limpa de última xeración, empregando materiais III-V (InP, GaAs, GaN) para aplicacións en telecomunicacións, automoción, computación cuántica e defensa. O proxecto creará 200 empregos directos de alta cualificación e preto de 550 indirectos, dinamizando o tecido tecnolóxico español e reforzando a soberanía tecnolóxica europea.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, que asistiu ao acto, destacou a importancia deste acordo “porque vén de constituírse o que será un xigante tecnolóxico en Europa”.
Pola súa banda, o delegado do Estado da Zona Franca David Regades, sinalou que “este acordo de investimento é o mellor exemplo de colaboración pública privada, resultado dun proceso de moito meses que impulsamos desde o Consorcio ante as empresas e as administracións”.
Héctor Álvarez, director de Estratexia de Indra Group, que se converte en socio maioritario da foundry, asegurou que “esta operación permite a Indra entrar no deseño e fabricación dos chips baseados en nitruro de galio, un elemento de base crítico para os sistemas de defensa e aeroespaciais. Desta forma damos un novo paso para contribuír á autonomía estratéxica de España e de Europa e a impulsar as capacidades industriais e o emprego, mediante un modelo de colaboración público-privada”.
Javier Ponce, director xeral da Sociedade Española para a Transformación Tecnolóxica, lembrou que “a SETT utiliza instrumentos financeiros para atender as novas realidades do sector económico tecnolóxico e de sectores económicos demandantes de tecnoloxías dixitais, apoiándose no modelo de colaboración público-privada. Coa SETT, o Goberno de España quere liderar a revolución dixital, unha transformación histórica para a evolución do modelo económico de España. Esta sinatura é un exemplo máis de que estamos a avanzar neste obxectivo”.
“Con este pacto afianzamos o proxecto”, afirmou Francisco Díaz-Otero, director executivo (CEO) de SPARC Foundry, engadindo que “estamos a sentar as bases para converter Vigo e España nun referente europeo da fotónica. SPARC é exemplo de colaboración público-privada”.
A planta de chips fotónicos ocupará 4 000 m² no Parque Tecnolóxico de Valladares, con inicio de obra previsto para finais deste ano e posta en servizo en 2027.
SPARC Foundry é a primeira planta de fabricación de semicondutores fotónicos III-V en España, nacida dunha alianza público-privada que integra a SETT, o Consorcio da Zona Franca de Vigo, Vigo Activo, Lucasiñas, Indra Group, Universidade de Vigo e capital privado. Utilizando materiais avanzados como InP, GaAs e GaN, SPARC aplica unha tecnoloxía dual con aplicacións tanto civís (telecomunicacións, automoción, computación cuántica, medicina) como de defensa.
