Ineo abre os horizontes das nosas empresas coas vantaxes do blockchain

xoves, 13 de setembro do 2018 Fernando Sarasketa

Ineo, a asociación de empresas TIC da nosa terra, celebrou esta tarde un obradoiro destinado a mostrar as vantaxes e aplicacións prácticas da tecnoloxía blockchain para empresarios, emprendedores e profesionais de múltiples sectores. A xornada, desenvolvida en Vigo, tamén achegou información sobre as axudas do IGAPE para a dixitalización dos negocios e para subilos ao carro da Industria 4.0, que, como lembraremos, introduce metodoloxías que favorecen a rendibilidade, a eficiencia, a automatización e a sustentabilidade. Na cita participaron medio cento de empresarios.
A xornada, organizada co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e a colaboración do Centro Tecnolóxico Gradiant e a Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), contou coa participación de Carlos Abal, presidente de Ineo; José Manuel Fernández, xerente do IGAPE IP; e Juan González, director da área de Seguridade e Privacidade de Gradiant.
O presidente de Ineo abriu a xeira informativa agradecendo ao IGAPE o apoio brindado para a organización do obradoiro de dixitalización deste xoves, que terá continuidade, e a colaboración de Gradiant e a CEP. Segundo fixo saber, “o de hoxe é o primeiro duns talleres que nos permiten congregar ás tecnolóxicas galegas e a organizacións doutros sectores empresariais para explorar, de forma conxunta, as posibilidades que brindan as tecnoloxías, como neste caso o blockchain, para mellorar a competitividade das empresas e facelas máis eficaces, eficientes e seguras”.
Pola súa banda, Juan González, director de Seguridade e Privacidade de Gradiant, foi o encargado de facer un percorrido polas características da tecnoloxía blockchain, dende as súas orixes como alicerce das criptomoeadas (bitcoin), até o seu espallamento como “un rexistro inmutábel de datos que garante e asegura transparencia, rastrexabilidade e seguridade eliminando a necesidade e dependencia de terceiros”. Asemade, Juan González debullou as aplicacións prácticas da tecnoloxía, e de como esta mostra importantes utilidades para o impulso de aplicacións “totalmente descentralizadas”. O relator tamén fixo un repaso polo afianzamento destes sistemas nos diferentes sectores, e tamén polo que se coñece como blockchain privado.
González, amais de trasladar aos presentes as vantaxes desta tecnoloxía, mostrou tamén as súas eivas, sobre todo en cuestión de adaptación e evolución cara a novas contornas (escalabilidade) e máis de adopción.
Pola súa banda, José Manuel Fernández, xerente do IGAPE IP, expuxo aos asistentes as axudas á dixitalización da Industria 4.0. Segundo informou, esta liña de subvencións ten como obxectivo a posta en marcha de proxectos cuxa finalidade sexa o soporte de procesos sectoriais multiempresa, como poden ser ordes de fabricación distribuída, sistemas de facturación, procesos entre un líder industrial e as empresas que conforman a súa cadea de valor e outros que impliquen a interconexión dixital de procesos entre unha PEME galega e outras empresas, ou entre dúas ou máis PEME galegas.
O obradoiro finalizou cun networking entre os asistentes.

PUBLICIDADE