Ineo advirte da necesidade de profesionais tecnolóxicos para o tecido empresarial galego

martes, 14 de novembro do 2023 Redacción

O Consello Consultivo da Asociación de Empresas da Tecnoloxía de Galicia (Ineo), órgano asesor que reúne a administracións, institucións académicas, colexios profesionais e grandes axentes privados do ámbito socioeconómico en Galicia, reuniuse esta mañá na Zona Franca de Vigo para abordar os principais retos aos que se enfrontan Galicia e o sector TIC de cara ao futuro.
Neste encontro participaron representantes do Consorcio da Zona Franca de Vigo, da Universidade da Coruña, de Gradiant, do Colexio Profesional de Enxeñeiros de Informática de Galicia, do CTAG-Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, do Consello Galego de Cámaras, do Colexio Oficial e Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións, de Abanca e do Banco Sabadell.
Abriuse o debate reflexionando sobre diferentes aspectos relacionados co emprego no sector TIC, como a educación adecuada ás necesidades das empresas, as dificultades de captación de talento debido á escaseza de perfís tecnolóxicos ou os problemas de fidelización. Mostrouse especial preocupación respecto á necesidade inmediata de incorporación de máis de 1.000 especialistas TIC.
A estas circunstancias hai que sumarlles o cada vez máis reducido volume de estudantes que optan polas xa citadas disciplinas, sendo moi preocupante o pírrico dato de mulleres que se matriculan en carreiras tecnolóxicas.
Noutra orde de cousas, o Consello Consultivo de INEO analizou a situación actual do sector tecnolóxico en Galicia e se mostro certamente orgulloso sobre a súa boa saúde, pero tamén sobre a necesidade de dotar dunha maior visibilidade ao sector en todo o conxunto de toda a comunidade autónoma galega. Para o Consello Consultivo a unión e a suma de esforzos no colectivo será a única vía para atraer investimentos do exterior, para consolidar un posicionamento forte e para apontoar a nosa competitividade no mercado global.