Ineo amosa perante as PEME galego-portuguesas o potencial de mercado de Latinoamérica

venres, 15 de decembro do 2017 Redacción

A asociación Ineo, referencial alianza galega de empresas TIC, celebrou este venres na súa sede unha xornada de traballo sobre as oportunidades comerciais que ofrece Latinoamérica ás pequenas e medianas empresas galegas e portuguesas pertencentes á Eurorrexión Galicia Norte de Portugal. A cita, desenvolvida baixo o epígrafe Como vender en Colombia, Panamá e Perú, celebrouse no marco do proxecto europeo Ecicii Plus e contou coa participación de Armando Priegue, socio director de Axperia Venture; Piedad Rojas, consultora experta en mercados internacionais; Alexandre Gonzales, experto en América do Sur; e Aurora Villalba, profesional especializada no mercado panameño. Luis Rey, director de operacións de Ineo, foi o encargado de abrir a xornada.
Na súa intervención, Rey explicou aos asistentes os obxectivos do proxecto Estrutura Empresarial Conxunta para o Impulso e a Captación de Iniciativas de Internacionalización (Ecicii Plus), un programa que fomenta a internacionalización das PEME da Eurorrexión e que ofrece servizos de apoio especializado para o acceso conxunto a mercados exteriores. Segundo fixo saber, “en Ecicii Plus ofrecemos servizos de diagnóstico, asesoramento e información, que complementamos coa organización de xornadas como esta que nos axudan a obter información e as ferramentas precisas para competir con éxito tirando proveito das oportunidades de negocio que existen nos mercados internacionais”.
Segundo se fixo saber na cita de hoxe, o proxecto Ecicii Plus (que se prolongará até finais do 2019), conta coa participación de sete entidades de Galicia e do norte de Portugal: a Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), o Instituto Galego de Promoción Ecnómica (IGAPE), a Confederación de Empresarios de Ourense (CEO); a Associação Empresarial de Portugal (AEP), a AssociaçãoIndustrial do Minho (AIMinho), a Associação Empresarial de Viana do Castelo (AEVC) e a Asociación de Empresas de Tecnoloxía de Galicia (Ineo).
A xeira de traballo estivo conducida por Armando Priegue, socio director de Axperia Ventures, e contou con distintos relatorios, unha mesa redonda e reunións entre os representantes das empresas asistentes e os distintos expertos especializados nas oportunidades en Colombia, Panamá e Perú.
Piedad Rojas, consultora experta en mercados internacionais, foi a encargada de expor as claves interculturais para unha negociación efectiva en Latinoamérica. Durante a súa intervención fixo especial fincapé no potencial de Colombia, pais que (dixo) é o terceiro provedor de tecnoloxía TIC (novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación) en Latinoamérica e que en 2032 será a primeira potencia mundial en bioteconoloxía.
Pola súa banda, Alexandre Gonzales, experto en América do Sur, detallou as características e oportunidades do mercado latinoamericano, incidindo nas que ofrece Perú. Gonzales salientou a importancia dos acordos de libre comercio entre este país e Europa e deu conta de proxectos con meirande potencial investidor no país, como o que está a levar a cabo o Goberno peruano para trasladar a auga do Amazonas á zona desértica do país.
Para rematar, Aurora Villalba, experta en Panamá, enxalzou durante a súa participación a importancia que están a adquirir actualmente os investimentos en loxística, turismo, obras públicas, enerxía e novas tecnoloxías que se están a realizar neste país.

PUBLICIDADE