Ineo e AETG organizan unha xornada sobre protección de datos e competencia desleal

martes, 18 de abril do 2017 Redacción

A sede da Confederación de Empresarios de Pontevedra (no 104 da rúa García Barbón de Vigo), vai acoller este xoves 20 de abril un encontro informativo sobre medidas a pór en marcha para salvagardar datos propios e alleos e, tamén, para garantir o “xogo limpo” no ámbito empresarial das tecnoloxías da información. A Xornada sobre Protección de Datos, Competencia Desleal e Aplicación Práctica no Ámbito TIC vén da man de Ineo e da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación e contará coas intervencións directas de especialistas de Caamaño, Concheiro & Seoane e de Marca Franca, que fornecerán ao público claves e recursos para evitar actos desleais por parte doutras empresas ou profesionais ou para garantir as mellores condicións posíbeis para a salvagarda da información.
A xornada, que é de balde, desenvolverase entre as 18.00 e as 19.30 horas. Dará comezo cun acto de benvida e, a continuación, encetarase un relatorio sobre responsabilidade por incumprimento da normativa de datos no ámbito das TIC e sobre as novidades que achega o regulamento europeo ao respecto. Esta charla virá da man de Francisco Caamaño, socio profesional do bufete CCS. A continuación falará sobre competencia desleal no sector TIC (accións preventivas, defensa, aspectos controvertidos) o conselleiro académico de CCS e profesor da UDC, Rafael García. Sobre as 18.45 será a quenda de Jacinto Parga, director de Marca Franca, que afondará nas aplicacións prácticas dende o punto de vista técnico dos programas de cumprimento normativo. Sobre as 19.00 horas abrirase unha xeira de preguntas na que tamén participará Miguel Caamaño, director de CCS.

PUBLICIDADE