Ineo e AGESTIC suman enerxías a prol do noso sector

xoves, 3 de decembro do 2015 Redacción

O presidente de AGESTIC e o de Ineo na sinatura do acordo celebrada hoxe en Lugo

Hoxe escenificouse en Lugo o que sen dúbida constitúe un importante acontecemento para, por unha banda, o presente e o futuro do noso sector tecnolóxico-dixital, e pola outra, para o desenvolvemento económico de Galicia. Estamos a falar do pacto de colaboración asinado por dúas asociacións históricas e referenciais da nosa terra dentro do ámbito tecnolóxico-dixital: Ineo (Asociación Multisectorial de Novas Tecnoloxías da Información) e AGESTIC (Asociación Galega de Empresas de Tecnoloxías da Información e a Comunicación). O pacto, fixeron saber, consiste nun convenio para defender de xeito coordinado os intereses das empresas asociadas “aliñando estratexias de crecemento”. Con este acordo, formalizado na sede en Lugo da Federación Galega de Comercio, séntanse os alicerces para mellorar o posicionamento e visibilidade do noso sector, fortalecendo o apoio a emprendedores.
Na sinatura participaron os presidentes das patronais, Carlos Conde (Ineo) e José María López Bourio (AGESTIC). Ambos salientaron ante os medios os moitos puntos en común de ambas asociacións e, tamén, a misión compartida de construír un sector competitivo, “sensíbel ás necesidades do empresarial TIC galego e que consiga transferir tecnoloxía ao resto dos sectores e á sociedade”. Segundo engadiu Conde, en virtude deste acordo está máis vixente que nunca a máxima que alenta de sempre a Ineo: Camiñar xuntos refórzanos.
Pola súa banda, o presidente de AGESTIC, José María López Bourio sinalou que “este é un acordo moi importante para reforzar a representatividade das organizacións empresariais do sector TIC de Galicia ante o Goberno da Xunta de Galicia, as administracións, a sociedade e as empresas dos demais sectores”.
Tendo en conta estes compromisos e estes desafíos, ambas asociacións amosaron a súa arela de colaborar no posicionamento estratéxico das asociacións, identificando sinerxías entre as actividades e servizos proporcionados por parte das entidades asinantes. Desta maneira, sinalaron, poderán optimizarse recursos co obxectivo de “dar unha meirande visibilidade ás empresas, reforzalas nas súas actividades de negocio e facilitando a aparición de novas iniciativas empresariais”. Ademais, engadiron, analizarase a participación conxunta en proxectos do sector TIC, en calidade de socios ou colaboradores de calquera ámbito dos que se poidan beneficiar os asociados de Ineo e AGESTIC. Segundo fixo saber Conde, “iremos da man no medre e no afianzamento de novas iniciativas emprendedoras, porque é preciso aproveitar todo o potencial humano, intelectual e de valor engadido de Galicia”.
Asemade, Conde e López Bourio comunicaron que “tanto os socios de Ineo como os de AGESTIC poderán participar nas actividades da Fundación Tecnoloxía Social (FUNTESO) a efectos de difundir a actuación das súas empresas e dos produtos e servizos tecnolóxicos que xeran, participando en foros en Madrid e outras cidades españolas para chegar a outros mercados cos seus servizos TIC”.

PUBLICIDADE