Ineo e Inycom mostran este xoves as claves tecnolóxicas da internacionalización

luns, 17 de febreiro do 2020 Redacción

A Asociación de Empresas de Tecnoloxía de Galicia (Ineo) ten aberta a inscrición para o obradoiro de balde que celebrará o vindeiro xoves en Vigo baixo o título Descobre as mellores canles e ferramentas dixitais para vender máis e expandirte con éxito, enmarcado no proxecto Ecicii Plus. Ao seu abeiro, diversos expertos da firma tecnolóxica Inycom abordarán estratexias de mercadotecnia e de vendas con gran potencial para facer medrar os nosos negocios no eido internacional, así como as ferramentas TIC máis relevantes para impulsar estes procesos.
A cita será este xoves 20 de febreiro na sede da Confederación de Empresarios de Pontevedra (rúa de García Barbón, 104), a partir das 09.30 horas.
O obradoiro, dirixido preferentemente ás PEME da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal dos sectores agroalimentario, contract e KIS (servizos intensivos de coñecemento polas súas en inglés), estará impartido por expertos da tecnolóxica Inycom: Andrés Vicente, responsábel de operacións de eBusiness internacional; Gabriel Barreiro, director da zona noroeste da compañía; e Santiago Viceiro, xerente de conta da unidade de negocio de TIC.
En termos concretos, nas súas intervencións tocarán temas como as claves para abordar con éxito o ecommerce internacional, a mercadotecnia e a venda industrial B2B versus retail B2C, a internacionalización dixital, algúns casos de éxito de empresas e mailo PIM (Product Information Manager, “a pedra angular do ámbito multicanle internacional”, avanzan). Ademais, as empresas que o desexen poderán contar con asesoramentos individualizados nestes ámbitos. O evento é gratuíto e require inscrición previa que pode realizarse enviando un correo electrónico a ineo@ineo.org

PUBLICIDADE