Ineo e TIC Ferrolterra suman forzas para impulsar o sector galego das novas tecnoloxías

venres, 16 de outubro do 2015 Redacción

A asociación Ineo e TIC Ferrolterra, alianzas de empresas galegas do sector TIC, queren espallar o seu radio de acción e facer fronte común arredor das nosas firmas tecnolóxico-dixitais. Nesta liña, e co obxectivo de “sumar sinerxías” con entidades e organizacións afastadas dos seus emprazamentos orixinais (Ineo ten a súa sede en Vigo e TIC Ferroltera en Ferrol), veñen de asinar un acordo de colaboración co reto común de “defender de maneira conxunta e coordinada os intereses das empresas galegas do sector das novas tecnoloxías e traballar man a man no desenvolvemento deste sector produtivo estratéxico na comunidade”.
O presidente de Ineo, Carlos Conde, e o da asociación ferrolá, Pablo Rivera, rubricaron este venres na cidade departamental o devandito acordo, no que sentaron os alicerces para “a cooperación a prol de acadar un meirande desenvolvemento da Sociedade da Información en Galicia e do sistema produtivo das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC)”. E engadiron, ao fío da sinatura: “A nosa misión é seguir construíndo un sector competitivo, sensible á I+D e que consiga transferir tecnoloxía ao resto dos sectores e á sociedade, atraendo novas empresas”. Carlos Conde, co obxectivo de definir as implicacións da alianza e escenificala, lembrou o lema da asociación TIC que representa: “Camiñar xuntos refórzanos”.
As dúas asociacións comprometéronse a colaborar en cadanseu posicionamento estratéxico, de forma coordinada e colaborativa, de face a maximizar o rendemento das accións individuais. Con este desafío en común, identificaranse sinerxías entre as actividades e servizos proporcionados por parte das entidades asinantes de forma que poidan optimizarse os recursos do sector e co obxectivo de “dar unha meirande visibilidade ás empresas e acadar unha mellora da competitividade e o seu posicionamento a nivel galego, estatal e europeo”.
Para Ineo, este convenio significa “dar un paso máis na súa aposta por sumar enerxías no sector TIC”. A finalidade, nesta estratexia de colaboración con outras asociacións empresariais, “é tecer unha rede de que traballe e man a man e que permita ao sector estar presente en todos os centros de decisión”. Respecto disto, o seu presidente Carlos Conde explicou que “somos unha asociación galega e noso obxectivo nestes intres é medrar na zona norte”.
Lembrar que Ineo está integrada por 60 empresas que desenvolven a súa actividade en hardware, software, redes e telecomunicacións, Internet e contidos, formación e consultoría TIC. Desde a súa creación, Ineo vela dende Vigo e a súa contorna polos dereitos e intereses das súas empresas, para contribuír “a aumentar a súa competitividade nunha contorna cada vez máis globalizada”.
Pola súa banda, TIC Ferrolterra é unha asociación empresarial que ten como obxectivos “fomentar a cooperación de compañías do sector tecnolóxico da área de Ferrol, representar, defender e promover os intereses económicos e xerar economías de escala por sinerxía entre os seus asociados”.