Ineo reclama a súa inclusión no deseño do Plan Director da Industria das TIC

martes, 3 de xuño do 2025 S. P.

A Asociación de Empresas de Tecnoloxía de Galicia (Ineo), patronal do sector TIC galego, emitu un comunicado no que manifesta a súa “fonda preocupación” polo modo en que se está deseñando o Plan Director da Industria das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) en Galicia.
Segundo denuncia a patronal, o proceso de elaboración do Plan “está a desenvolverse sen contar coa participación directa de Ineo, malia ser unha organización que aglutina a máis de medio centenar de empresas TIC galegas, cunha facturación conxunta superior aos 120 millóns de euros e preto de 1.900 empregos directos”, sinala a entidade, lembrando que conta con 19 anos de traxectoria e que é, a día de hoxe, “un actor clave en calquera estratexia que aspire a impulsar a industria tecnolóxica en Galicia”.
A asociación recorda que o Plan Director da Industria TIC, promovido pola Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, será “o instrumento que marque as liñas estratéxicas de desenvolvemento, financiamento e fortalecemento do sector para os próximos anos”, e por esta razón, engade, “resulta un risco deseñar esta folla de roteiro sen integrar a visión, experiencia e achegas de todas as entidades representativas do sector”.
Tamén lembran que o sector TIC galego é “diverso, dinámico e estratéxico para o desenvolvemento económico de Galicia” e que “un plan elaborado de costas de todos os seus protagonistas carecería de lexitimidade, representatividade e eficacia, non só para o sector TIC, senón, pola súa natureza transversal, cara os demais sectores empresariais de Galicia”.
No comunicado Ineo fai un chamamento á Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, así como ás entidades en quen esta delegou as tarefas de elaboración de Plan, para sumar as súas capacidades e as das empresas que representa e “así garantir que este sexa un verdadeiro plan de todo o sector, porque só así será viable e terá éxito”.