Ineo seguirá operando como Oficina Acelera Peme no sur de Galicia
martes, 30 de xaneiro do 2024
Ineo, a Asociación de Empresas de Tecnoloxía de Galicia, constitúese novamente como beneficiaria do proxecto Oficina Acelera Peme, posto en marcha por Red.es e co-financiado con fondos FEDER da UE. “Continuamos así co noso labor de apoio á dixitalización do tecido empresarial galego polo menos durante outros dous anos”, sinalou a presidenta da asociación, Lourdes Guerra Fornos, nunha rolda de prensa celebrada este martes 30 de xaneiro na sede da Confederación Empresarial de Pontevedra (Vigo).
Na cita tamén participaron o presidente da Confederación Empresarial de Pontevedra (CEP), Jorge Cebreiros; a presidenta da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), Marisol Novoa; o presidente da Asociación Agrupación Industrial de Empresas de Enxeñería, Consultoría e Servizos Tecnolóxicos de Galicia (AGEINCO), Daniel Prieto; o presidente da Asociación Empresarial de Profesionais e Autónomos de Ourense (AEPA Ourense), David Martínez, e o presidente de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor (OVALMI), José Ángel González.
Na xornada, Lourdes Guerra explicou que ineo leva “máis de 18 anos traballando por e para o sector TIC galego, velando polos seus intereses, axudando na súa mellora continua e facendo de ponte, de interlocutor entre o TIC e os demais sectores empresariais para fomentar a adopción de tecnoloxía que redunde na súa mellora competitiva e produtiva”.
Na súa intervención Marisol Novoa destacaba a importancia da colaboración da Oficina Acelera Peme de Ineo coas demais entidades do tecido empresarial galego. “Creo que este proxecto corrobora que a colaboración entre administración e entidades empresariais, a cooperación público-privada, é a mellor alianza para desenvolver iniciativas que, como esta, reverten no beneficio do tecido empresarial ao completo”, explicaba Marisol Novoa, que tamén resaltaba o papel da CEO no asesoramento e no impulso da dixitalización das empresas ourensás.
Os presidentes das entidades convidadas tamén destacaban a importancia do labor da Oficina, achegando o punto de vista desde o seu propio ámbito. O presidente de AEPA Ourense, David Martínez, destacaba o papel “moi útil” da Oficina Acelera Peme de Ineo para que “pemes e persoas autónomas coñezan as ferramentas e sistemas que hai no mercado”; mentres o presidente de AGEINCO, Daniel Prieto, centrábase na importancia que ten para o sector da enxeñería estar en primeira liña da transformación dixital: “Non é unha opción. A Intelixencia Artificial é o Excel do século XXI”, recalcaba.
Pola súa banda, o presidente de OVALMI, José Angel González, destacaba a importancia que teñen os servizos facilitados por Ineo para unha asociación supramunicipal e multisectorial: “Os pequenos negocios deben achegarse ás novas tecnoloxías se non queren desaparecer”.
O director de Operacións de Ineo, Luis Rey Fernández-Arruty, centrouse nas liñas de actuación que seguirá a Oficina Acelera Peme nesta nova andaina, que busca ampliar os resultados conseguidos ata o de agora cos seus servizos gratuítos de asesoramento e apoio en materia de dixitalización destinados a pemes, persoas autónomas e emprendedoreas galegos. Para facilitar os procesos de transformación dixital dos usuarios, a asociación pon á súa disposición diferentes ferramentas: asesoramentos individualizados, itinerarios de dixitalización, información e tramitación de axudas, intermediación entre empresas tecnolóxicas e os distintos sectores; entre outros.
Co mesmo fin de impulsar a dixitalización no tecido empresarial galego, a Oficina Acelera Peme de Ineo tamén organizará ao longo destes dous anos outras actividades como seminarios en liña, obradoiros de networking ou elaboración de guías e informes sobre dixitalización. D
Esta é a segunda convocatoria do proxecto concedida a Ineo, que xa foi beneficiaria do mesmo en 2021. Como explicaba a presidenta da asociación, foi nese ano cando se creou a Oficina Acelera Peme de Ineo que, durante esa etapa comprendida entre 2021 e 2023, levou a cabo servizos gratuítos de asesoramento para máis de 400 negocios, tramitou máis de 100 axudas á dixitalización, organizou máis de 50 obradoiros e conseguiu chegar a máis de 900 empresas a través das distintas xornadas e eventos levados a cabo.